venres, 1 de marzo de 2019

Resumo do Horizon Report (Educause)

Veño de descubrir  Educause e aquí vos comparto un breve resumo dos achádegos.

Que é Educause
 
EDUCAUSE preséntase na súa web como unha asociación sen ánimo de lucro cuxa misión é darlle adianto á educación superior a través do uso das tecnoloxías da información.

Creouse no 1998 a través dunha fusión entre CAUSE e Educom, dúas asociacións profesionais, e naceu coa intención de:
  • ofrecer unha colección coherente e coordinada de programas relacionados coa tecnoloxía;
  • desenvolver servizos globais para apoiar aos profesionais socios;
  • prover un liderado unificado en aspectos lexislativos clave tocantes á educación superior.
Sintetizan a súa misión deste xeito: "advance higher education through the use of information technology" e para cumprila levan a cabo investigación centrada nos desafíos derivados do uso da tecnoloxía e na comprensión das necesidades relacionadas con ela. 

Horizon Report Preview

Veñen de publicar unha sinopse do Horizon Report Preview (2019) que resume as tendencias educativas e desafíos futuros no ámbito da tecnoloxía educativa. Esas tendencias clave agrúpanse en 3 grupos, segundo sexan a longo, medio e curto prazo.

As primeiras, que se preve que sexan esenciais nos vindeiros 5 anos ou máis son:

  • A redefinición do xeito en que funcionan as institucións, máis centradas no éxito do alumnado. Para iso cómpre prestar atención á súa diversidade e ás características específicas do que se chama o "new majority learner", un aprendiz de maior idade, con cargas familiares e laborales.
  • Titulacións modulares e disgregadas. A formación universitaria parece moverse cara a un modelo flexible de aprendizaxe mixta (presencial e en Rede) no que o alumnado pode construír o seu propio grao no cada un dos módulos se certifique con insignias e certificados que evidencien a aprendizaxe.
 As tendencias a medio prazo, cuxa adopción se predi para un prazo de entre 3 e 5 anos, son as seguintes:

  • Avance nas culturas da innovación. Co fin de mellorar as experiencias educativas prevese a proliferación de espazos que fomenten a experimentación como venture labs (campos de emprendemento), incubadoras de innovación e outras asociacións co mundo empresarial. A base é a provista por John C. Maxwell (2000) e o seu concepto do "failing forward", é dicir, usar o erro como impulso para o progreso.
  • Maior énfase na medición da aprendizaxe, promovendo a cooperación e interacción coas unidades de investigación institucional para ter un achegamento ao ensino, orientación e aprendizaxe baseado en datos.
Formúlanse tamén as prioridades máis inmediatas para o vindeiro par de anos:

  • Redeseño dos espazos de aprendizaxe para facilitar a aprendizaxe activa e a colaboración sobre todo a través de contextos do que chaman realidade extendida (extended reality (XR)), ese continuo entre entornos reais e virtuais xunto coas interaccións humano-máquina xerados por ordenadores e wearables.
  • Deseños de aprendizaxe mixta máis ricos, personalizados e adaptables, centrados no alumno e orientados á colaboración.
Finalmente preséntase unha serie de desafíos cunha gradación de máis ou menos solucionables, entre os cales se contan: a mellora da fluidez dixital; a demanda de expertos en deseño dixital e instrucional; a fenda académica; a necesidade de repensar o desenvolvemento profesional docente; a aprendizaxe móbil de calidade; e as implicacións dos asistentes virtuais, o blockchain ou a intelixencia artificial en termos de seguridade e privacidade.