mércores, 9 de xaneiro de 2019

Subliñados de The OECD Handbook for Innovative Learning Environments

O manual para espazos de aprendizaxe innovadores da OCDE (2017) é unha lectura que tiña pendente desde hai tempo e que, a verdade, me sorprendeu para ben. Non só é un documento ameno, senón que nos dota dunha colección de ferramentas útiles que penso que é bo coñecer e que ademais sería interesante utilizar e pilotar no noso centro educativo.

Xurdiu a raíz da situación que se dou na pasada década, cando os países da OCDE viron incrementado o gasto nun 20%, mais a mellora nos resultados da aprendizaxe foi pouco significativa. De aí inferiuse que o investimento debe ir aparellado coa innovación, xa que esta é crucial para fortalecer a autonomía profesional e a cultura colaborativa para promover a xeración, intercambio e refinamento de ideas.
“Se hai unha lección aprendida da innovación na educación é que o profesorado, centros educativos e administracións locais non deberían só implicarse na posta en práctica do cambio educativo, senón que teñen que ter un papel central no seu deseño” (p.3)
O documento é o culmen dunha década de traballo e está deseñado para ser empregado como ferramenta para a innovación xa que parte do coñecemento de como e en que circunstancias aprendemos mellor; da observación de estratexias innovadoras concretas e da identificación de características desexables artelladas nun marco que axuda ao desenvolvemento de prácticas innovadoras sostibles. 

Xira en torno ao concepto de ambiente de aprendizaxe, que se define como “un todo orgánico que provea experiencias de aprendizaxe en torno a unha cerna pedagóxica”; alén de centrarse no espazo físico, inclúe a actividade e resultados da aprendizaxe, e esixe unha liña de liderado claro que tome decisións para optimizar o proceso.

Artéllase en 4 capítulos onde se presentan primeiramente as bases teóricas e logo uns documentos que están pensados como ferramentas prácticas de traballo. Os eixos temáticos son:

1. Os principios para o deseño de ambientes de aprendizaxe, que indican que estes deben:


- Poñer a aprendizaxe no centro
- Fomentar a aprendizaxe social, colaborativa
- Estar en sintonía coas emocións do/a aprendiz
- Reflectir as diferenzas individuais
- Supor un reto para todos/as sen irse de man
- Facer avaliación e dar retroalimentación


Para esta área propoñen 4 ferramentas:

A primeira delas está pensada para analizar o que fai que o noso alumnado aprenda mellor e pódese usar para un escaneo rápido ou unha análise profunda seguindo 5 pasos: familiarización cos principios de aprendizaxe; revisión da análise actual; recollida de evidencias; elección dun curso de acción e revisita da situación e dos cambios levados á práctica.

A segunda, creada por Judy Halbert e Linda Kaser, é a espiral da indagación e está deseñada para que os docentes pescudemos para ter os coñecementos, confianza e ferramentas para levar a cabo cambios no centro e o sistema educativos para deseñar ambientes de aprendizaxe poderosos. Ao meu parecer é unha das mellores ferramentas do documento pois non só axuda a favorecer a integración do novo coñecemento nun prazo de un ou dous anos de esforzo colaborativo, senón que serve para estruturar o proceso de cambio de forma sostible no tempo. O diagrama consta de 6 fases, cada unha delas enmarcada en 3 preguntas principais: Que ocorre co noso alumnado? Como o sabemos? Por que importa? A maiores, as 9 preguntas da páxina 33 son para enmarcar.

A última ferramenta deste capítulo é unha xustaposición de dúas (unha para o profesorado e outra para o alumnado) que traballan con percepcións e actitudes e incitan á reflexión para despois centrarse, escoller un dos principios prioritarios e deseñar estratexias para poñer en práctica.



2. O marco OECD 7+3 para os ambientes de aprendizaxe innovadores. Un marco publicado no 2013 que se chama 7+3 porque combina 7 principios da aprendizaxe con 3 áreas de innovación (a cerna pedagóxica, o liderado e a colaboración).

A innovación da cerna pedagóxica ten que ver cos 4 elementos que interveñen na aprendizaxe: aprendices, educadores, contido e recursos. A indicación é conectalos de xeito dinámico mesturando pedagoxías e xeitos de avaliar; combinando formas de traballar dos docentes, fomentando a colaboración; repensando o xeito en que se xuntan os aprendices, agrupándoos mesturando idades e grupos; personalizando os horarios e tempos de aprendizaxe.

O liderado debería partir das evidencias que indiquen como se aprende, dunha visión centrada na mellora e de estratexias centradas en levala á práctica.


Por último, tender pontes de colaboración e evitar o illamento debería ser un obxectivo constante dun espazo de aprendizaxe do século XXI, buscando a implicación das familias, a comunidade local, negocios e institucións culturais. 

Hai 4 ferramentas deseñadas para mellorar esta área. A primeira delas para analizar ata que grao se está implemento o marco ILE; a segunda para ver como mellorar a cerna pedagóxica; unha terceira para tirar o maior partido das colaboracións que se establezan; e a cuarta para sacar proveito das ferramentas tecnolóxicas.



3. Liderado e avaliación, en torno a varias preguntas que xorden do informe do 2013 Leadership for 21st Century Learning. As conclusións deste informe indican que o liderado é crucial na reforma e a innovación. Debe participarse no deseño, posta en marcha e sostibilidade dos ambientes de aprendizaxe. 

Provense dúas ferramentas, unha para cuestionar de xeito cíclico as estratexias de liderado do centro educativo/espazo de aprendizaxe; e a segunda para aplicar unha serie de procesos avaliativos que conduzan á innovación.



4. Transformación e cambio nos ecosistemas de aprendizaxe parte da publicación do 2015 Schooling Redesigned. Towards Innovative Learning Systems. Presenta a necesidade de repensar os escosistemas de aprendizaxe, describe as características de estratexias e iniciativas innovadoras, ofrece os medios para describir ecosistemas de aprendizaxe conectados e presenta un conxunto de escenarios para o futuro da profesión docente.

Fanse dispoñibles catro ferramentas para a transformación e o cambio. A primeira delas é para centros que xa teñen en marcha unha iniciativa ou proceso de innovación e prove a estrutura e a terminoloxía para interrogar a estratexia e os resultados innovadores esperados. A segunda é para poñer en relación o sistema educativo cos indicadores de cambio e innovación do marco 7+3. Unha terceira ferramenta permite mapear as relacións verticais e horizontais coa idea de analizar a riqueza de conexións e establecer futuras vías de colaboración. A última ferramenta é un escenario para (re)analizar o papel do docente nos sistemas de aprendizaxe do futuro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario