luns, 14 de maio de 2018

#observa_acción no IES Rosalía e visita ao IES Maruxa Mallo

O pasado luns e martes (7 e 8 de maio) acompañamos á profesora escocesa da que vos falara nunha anterior entrada (Kirsty Scott) e a Alicia Sampedro, docente no IES Pardo Tavera e Javier e Gabriel, asesores do CRFPTIC de Castela e León a unha estadía de observación no Instituto Plurilingüe Rosalía de Castro. Alí tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man a través de presentacións e observacións de aula o traballo dalgúns docentes do centro, sobre todo centrado nas materias de ámbito STEM. Da man de Ubaldo Rueda (director),  María José Dopico (profesora de inglés), e Xavier Mouriño (secretario) coñecemos algúns dos proxectos que se levan a cabo: Os premios San Clemente, Stephen Hawking, e Bento Spinoza.


Asistimos á presentación de Charo García-Echave, unha profesora que leva 27 anos no centro e que nos detallou polo miúdo o traballo que fixeron no club de ciencia como parte do proxecto Small World Initiative (crowdsourcing antibiotic discovery). Neste proxecto, o alumnado recolleu mostras do solo e fixeron dilucións para analizar as bacterias patóxenas presentes, facendo cultivo por agotamento e logo catalogando e enviando as mostras á Fundación Medina en Granada. Neste traballo participou alumnado deste centro, do IES Xelmírez e do CPR Nuestra Señora de los Remedios que colaboraron con alumnado e profesorado universitario. 



De feito, nesa mesma tarde do luns asistimos tamén á xornada de clausura deste proxecto de innovación docente no Salón Nobre de Fonseca onde escoitamos a Dolores Álvarez Pérez (Vicerreitora de Estudiantes, Cultura e Responsabilidade Social), Víctor Jiménez Cid (Coordinador do programa SWI@SPAIN) e aos profesores Tilmann Weber (Denmark Technical University, Dinamarca) e Evi Stegmann (Universität Tübingen, Alemaña). Tamén se fixo presentación dos resultados do SWI na USC e a entrega de diplomas ao alumnado e profesorado participante.

Ademais, asistimos a aulas de lingua e literatura, tecnoloxía industrial e física e química cos profesores Alberto Sacido, Jorge Gómez, Cristina Penas e Enrique Cao. Foi unha marabilla poder falar co alumnado dos proxectos nos que estaban traballando.

Por exemplo, na aula de lingua estaban traballando nun proxecto sobre as 7 portas da cidade. Falei co grupo de Teodora, Eduardo, Daniel, María Iglesias e Brais, que me falaron da historia das portas,  dos cuestionarios que deseñaron, os debates que mantiveron con diferentes persoas, o traballo con textos literarios de José Ángel Valente, Camilo José Cela ou Valle Inclán e entrevistas a profesores/as especialistas. Todo isto con que obxectivo? Incluír todos estes contidos transversais de geografia, física, galego, programación e castelán nunha páxina web. O profesor, Alberto Sacido, precisou ademais que este traballo se engloba dentro dun proxecto máis amplo, ATS2020.

Por outra banda, na aula de tecnoloxía industrial, Jacobo, Alberto, Manuel e Antonio explicáronme o proxecto de deseño dunha carrilana. Partindo das medidas de referencia que lles deu o profesor, Jorge Gómez, así como do estudo do funcionamento de vehículos de inercia, fixeron un deseño buscando un ángulo que ofrecese menor resistencia, recortar as costelas e a plantilla e darlle textura e firmeza con cinta, papel de xornal, cola e escarola. Despois facer as suspensións, as rodas, e colocar a placa de Arduino programando a dirección. Xa estaba case lista a carrilana "Aloe Vera" (así a nomearon), agás as pezas de enganche das costelas se imprimiron cun diámetro demasiado grande e non enganchan, daquela cómpre probar de novo. O máis interesante? Ver como proban, levan conta, avalían e refan o proceso cando cómpre. 

Finalmente, na clase de física e química, coa profesora Cristina Penas, tomando como modelo a illa de El Hierro, exemplo de sostibilidade, o alumnado traballou en pequenos grupos para formular unha serie de propostas para un "Santiago verde" que só empregasse enerxías limpas. A capacidade de investigación e síntese do alumnado deixoume abrazada, pero o que máis me chamou a atención, tanto nesta clase como nas demais que observamos, foi a conciencia que todos os grupos tiñan dos procesos que levan a cabo e a avaliación que fan deles, e tamén as capacidades comunicativas tanto na expresión oral como escrita. Unha marabilla.

Alén das actividades de observación neste centro compostelán, e dado o proxecto que Kirsty Scott está a coordinar no seu centro, que consiste en deseñar e lanzar cohetes que conteñen auga, pareceunos interesante que vise o traballo intercentros que está coordinando o IES Maruxa Mallo, no cal tamén participan o IES Miraflores (Oleiros, A Coruña) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces, Pontevedra). O día 7, luns, coincidiu ademais co lanzamento da MarumaSAT III e puidemos velo en vivo e en directo, así como falar con Xosé Manuel Fernández, secretario da NOSA, e coñecer brevemente a Xosé Díaz, presidente, Raquel Martínez, vicepresidenta; e Óscar Cepeda, tesoureiro. 

Alfredo Iglesias tamén nos amosou outros proxectos nos que están traballando, como o deseño de planetas do alumnado de 1º da ESO que teñen situados no centro e que van colocar na praia de Carnota ao final de curso, respectando as distancias a escala para ter unha visión global.

Quedamos encantados coa experiencia de aprendizaxe, cos contactos persoais co profesorado e alumnado e coas reflexións,  conversas e xermolos de futuros proxectos que xurdiron a raíz da observación e as visitas.





Ningún comentario:

Publicar un comentario