luns, 6 de maio de 2019

Xornada de EDUlingüe

O pasado sábado 4 de maio tivo lugar a Xornada EDUlingüe+. Experiencias en linguas estranxeiras. O programa foi moi completo, abarcando relatorios, experiencias e comunicacións centrados en diferentes dimensións da lingua e achegamentos didácticos ao seu ensino.

A sesión da mañá abriuse, despois da inauguración polas autoridades, cunha versión do Ne me quitte pas de Jacques Brel a cargo de dous novos talentos (non dei anotado os seus nomes), marcando o carácter multilingüe da xornada.

Phil Ball referente no achegamento CLIL/AICLE guiounos polo proceso de mestura no que debe entrar calquera docente, case a modo de DJ, para equilibrar contidos lingüísticos, conceptuais e procedimentais. 

Na seguinte franxa horaria había tres opcións. Algúns de nós escoitamos a Robin Walkerde quen vos falara xa nesta anterior entrada a raíz dun curso del ao que asistín. Robin fixo un repaso rápido por todas as fases do traballo por proxectos, así como un resumo dos seus beneficios para o alumnado.

A última sesión da mañá foi moi motivadora, pois consistiu nunha mesa redonda moderada por Noemí Álvarez na que participaron Álex, Andrea, Óscar e Alberto, catro antigos alumnos de seccións bilingües ou centros plurilingües. É certamente inspirador escoitar de boca do propio alumnado os aspectos que lle atraen das materias que se ensinan noutra lingua e ver a proxección de futuro que lles ofrecen. 

A tarde dividiuse en diferentes obradoiros e unha plenaria. No meu caso, fun a un sobre recursos CLIL para primaria, impartido por Lola R. Garay,  que presentou sobre todo rutinas e xeitos de facer andamiaxe lingüística. O segundo obradoiro estivo a cargo de Pablo Reboleiro e nel levamos a cabo diferentes dinámicas que nos recordaron como contribúe o teatro a experimentar coa lingua/linguaxe (ton de voz, linguaxe corporal, postura, etc) , a estimular a creatividade, e a mellorar o ambiente da clase.

Constantine Ioannou convidounos a reflexionar na súa conferencia sobre o peso da lingua, a necesidade de integrar as destrezas e escalonar o ensino do vocabulario e as tarefas en termos de complexidade (Bloom). 

Como broche final, David Ruiz, que xa me gustara en Valladolid no congreso de linguas e internacionalización, levou a cabo unha actividade ludificada na que nos implicou a todos os asistentes para resumir as conclusións da xornada.

A maiores, foi un verdadeiro luxo poder ter a Pedro Cifuentes facendo a facilitación gráfica da xornada. É un artista e dá gusto poder contar con ese acompañamento visual extra. 

Pola miña parte, deixo tamén aquí a síntese do que me levo no peto desta experiencia de aprendizaxe.





Ningún comentario:

Publicar un comentario