Amosando publicacións coa etiqueta linguas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta linguas. Amosar todas as publicacións

xoves, 8 de abril de 2021

Curso (SBLENDID): Pedagogos dixitais (sesión 4)

Seguro que xa tedes interese en saber que aprendizaxes tiveron lugar no cuarto día do curso, verdade? Eu tamén pois non puiden asistir a esta xornada.

As compañeiras Rosa Quiroga e Carmen Rodríguez, docentes de alemán na EOI de Monforte, compártennos este detallado resumo.



Pola súa banda, Luís Xuncal, docente de italiano na EOI de Santiago, déixanos estas ideas para empregar os foros en vídeo de Flipgrid.


luns, 6 de maio de 2019

Xornada de EDUlingüe

O pasado sábado 4 de maio tivo lugar a Xornada EDUlingüe+. Experiencias en linguas estranxeiras. O programa foi moi completo, abarcando relatorios, experiencias e comunicacións centrados en diferentes dimensións da lingua e achegamentos didácticos ao seu ensino.

A sesión da mañá abriuse, despois da inauguración polas autoridades, cunha versión do Ne me quitte pas de Jacques Brel a cargo de dous novos talentos (non dei anotado os seus nomes), marcando o carácter multilingüe da xornada.

Phil Ball referente no achegamento CLIL/AICLE guiounos polo proceso de mestura no que debe entrar calquera docente, case a modo de DJ, para equilibrar contidos lingüísticos, conceptuais e procedimentais. 

Na seguinte franxa horaria había tres opcións. Algúns de nós escoitamos a Robin Walkerde quen vos falara xa nesta anterior entrada a raíz dun curso del ao que asistín. Robin fixo un repaso rápido por todas as fases do traballo por proxectos, así como un resumo dos seus beneficios para o alumnado.

A última sesión da mañá foi moi motivadora, pois consistiu nunha mesa redonda moderada por Noemí Álvarez na que participaron Álex, Andrea, Óscar e Alberto, catro antigos alumnos de seccións bilingües ou centros plurilingües. É certamente inspirador escoitar de boca do propio alumnado os aspectos que lle atraen das materias que se ensinan noutra lingua e ver a proxección de futuro que lles ofrecen. 

A tarde dividiuse en diferentes obradoiros e unha plenaria. No meu caso, fun a un sobre recursos CLIL para primaria, impartido por Lola R. Garay,  que presentou sobre todo rutinas e xeitos de facer andamiaxe lingüística. O segundo obradoiro estivo a cargo de Pablo Reboleiro e nel levamos a cabo diferentes dinámicas que nos recordaron como contribúe o teatro a experimentar coa lingua/linguaxe (ton de voz, linguaxe corporal, postura, etc) , a estimular a creatividade, e a mellorar o ambiente da clase.

Constantine Ioannou convidounos a reflexionar na súa conferencia sobre o peso da lingua, a necesidade de integrar as destrezas e escalonar o ensino do vocabulario e as tarefas en termos de complexidade (Bloom). 

Como broche final, David Ruiz, que xa me gustara en Valladolid no congreso de linguas e internacionalización, levou a cabo unha actividade ludificada na que nos implicou a todos os asistentes para resumir as conclusións da xornada.

A maiores, foi un verdadeiro luxo poder ter a Pedro Cifuentes facendo a facilitación gráfica da xornada. É un artista e dá gusto poder contar con ese acompañamento visual extra. 

Pola miña parte, deixo tamén aquí a síntese do que me levo no peto desta experiencia de aprendizaxe.