martes, 6 de abril de 2021

Curso (SBLENDID): Pedagogos dixitais (sesión 2)

A segunda sesión do curso comezou cunha actividade de quecemento "un obxecto que me representa". 

Buscamos un obxecto da casa e  logo tivemos 5' en salas de parellas para compartirmos. Traballei con Ángeles Fernández, da EOI Coruña, e descubrín o desafío ao que se tivo que enfrontar no seu ano de prácticas como docente, dando clase a alumnado de 5º da EOI. Ao final do curso regaláronlle unha caixiña de música que aínda conserva.

Ao volvermos á sala principal, Carolina convidounos a compartir no chat como nos fixera sentir esta actividade e aproveitou para fialo cun repaso dos contidos que vimos na primeira sesión. Primeiro escribimos nun papel durante 1' e logo fomos poñendo no chat, tentando non repetir os contidos xa mencionados.

De seguido, fíxonos unha panorámica dos contidos do día, consistentes nunha incorporación a raíz das nosas peticións no chat do Slack do día anterior, e doutros aspectos que xa estaban no programa.

Como podemos saber máis de SEL (Social Emotional Learning)?

No chat de onte no Slack comentouse que había interese en saber máis sobre SEL e Carolina amosounos un vídeo. A continuación, traballamos en grupos de 3 para facer unha chuvia de ideas de actividades que facemos para comezar as clases de maneira motivadora e creativa. Traballei con Begoña da EOI de Pontevedra e Rut da EOI de Ourense. Encantáronme as ideas das compañeiras e resaltarei a proposta de Rut de il barattolo delle storie, que se pode empregar tanto na clase presencial como online. Un frasco que contén palabras, dados, personaxes de xogos de rol, etc.   Luís, da EOI de Santiago, compartiunos polo chat un vídeo explicando esta idea; e Arantza, da EOI de Pamplona, a ligazón da persoa que imparte estes obradoiros, Leo Bassi.


Á volta da pausa, Carolina contounos o uso que ela fai do "Foro da miña tribo". Xurdiu a raíz do seu traballo en Australia con persoas adultas. Ese foro estao facendo con profes de primaria e secundaria estudantes dun máster nun contexto 100% na Rede. Nota unha desconexión humana importante e con bastante estrés - hai traballos e tarefas constantes-. Ten un cartafol onde cada semana ou cada dúas propón actividades voluntarias para conectar entre eles/as (autobiografía en 5 palabras - recoller os eventos importantes da túa vida en 5 palabras; diario de gratitude - 3 cousas concretas que che fixeron feliz nese día; que tipo de arte te emociona (películas, cancións, etc)). Tivo moita participación durante as primeiras 3-4 semanas e logo reduciuse ao aumentar a carga de traballo, pero serviulles moito, dábanse feedback entre eles/as e axúdalles a crear grupo.

Que ferramentas e estratexias podemos usar para promover a colaboración do noso alumnado?

Carolina afondou no emprego de Slack e de Google Drive como ferramentas de colaboración. Non vou compartir aquí os detalles de como empregalas, pero si algúns principios básicos que nos proporcionou:

  • Pensar ben o deseño do espazo virtual antes de crear canles de comunicación ou subir contido.
  • Dar indicacións claras de que espazos son grupais ou individuais.
  • Valorar a diversidade do alumnado e a dificultade que pode implicar para eles/as.

Que estratexias podo usar para facilitar a colaboración? 

  • Planificar ben: O deseño e temporalización teñen que ser moi claros.
  • Ter un plan B para superar posibles obstáculos.
Como resolver os retos do traballo colaborativo?

Esta pregunta abordámola facendo a dinámica da peixeira. A peixeira consiste en ter 2 alumnos/as enfrontados aportando a súa visión e os demais están darredor simplemente tomando notas. 

Algunhas ideas que derivamos:

- Detectar as habilidades de cada alumno/a.

- Establecer roles

- Asinar un contrato de aprendizaxe.

- Dar feedback inmediato.

- Incluír avaliación individual e grupal.

- Deixar claros os obxectivos.

- Reforzo e apoio continuo do docente.

Tarefa

Nun documento compartido entre Ana Barrero, Ángeles Fernández e Uxía Martínez proporcionamos 10 claves para facilitar a aprendizaxe colaborativa, que despois convertimos nesta infografía.

Tamén podedes ver o decálogo colaborativo creado polo equipo 1 (Rut Vázquez Begoña Suárez, Rosa Quiroga e Carmen Rodríguez) e estoutro polo equipo 3 (Marta Portela, Carmen Garrido, Imanol Haranburu, Aranzazu Idoate e Luís Xuncal)
 

Breve reflexión

Russell Stannard, de NILE, e Carolina Castro, da Europass Teacher Academy teñen xeitos totalmente diferentes de xestionar a clase e de achegarse á docencia e ambos son enriquecedores. Por exemplo, con Russell, quedounos claro desde o mesmo momento en que negociamos os contidos que el era o experto e que había certos aspectos nos que non ía claudicar. A súa maneira de xestionar a clase ía moito nesta dirección, moi estrito nos tempos, no uso da cámara e do chat (marcaba en que momentos os podíamos empregar) e nos contidos e obxectivos. O que se marcou foi o que se fixo, e as modificacións foron mínimas respecto ao programa orixinal.

No caso de Carolina, foi extremadamente flexible desde o inicio e hoxe viuse como revisa e adapta o programa segundo o que lle imos dicindo o alumnado. Nos contidos non estaba previsto afondar no social emotional learning, porén, como houbo preguntas e se pediu, engadiu unha sección nova abordando esta temática. O chat, aparte de para recoller reaccións e resumir cousiñas, tamén se emprega libremente en paralelo ao que Carolina vai explicando.  Ademais disto, Carolina fai un excelente uso das ferramentas do Big blue button, a pizarra para recoller rapidamente impresións (por exemplo hoxe, simplemente engadir un punto para indicar con canta regularidade deseñamos actividades colaborativas na aula - ela puxera unha diapositiva con 4 caixiñas "a miúdo, con frecuencia, ás veces, nunca"); as opcións colaborativas; as sesións de grupos, etc.

Supoño que haberá detractores/as e defensores/as de ambos achegamentos, o de Russell e o de Carolina. O certo é que como alumna véxolle vantaxes e desvantaxes a ambas, pero gozo (e o que máis importante, aprendo) con calquera delas e paréceme que o importante é a coherencia nestes aspectos (contigo mesma e co teu alumnado) e deixar claras as regras do xogo desde o primeiro, sexan cales sexan.

Imos facendo grupo a través de actividades coma
esta de elixir un obxecto que nos representa

Apuntamentos visuais desta xornada


Recursos compartidos:

6 comentarios:

  1. Que ben deseñas, Diana. Unha pasada de chula esta infografía do 2º día.
    Grazas ;-)

    ResponderEliminar
  2. Thanks so much to keep us posted! 🐝🐝🐝

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Glad it is of interest! As your profile says, "sharing is caring". Greetings from Galicia to Huelva

      Eliminar
  3. A descripción é tan detallada que mesmo semella que estamos a participar os que te lemos! Graza

    ResponderEliminar