Hoxe comezamos o curso de Europass TA con Carolina Castro. Lembrounos que é un día de adaptación: Ao ritmo de traballo, á metodoloxía e tamén ao espazo virtual (a interfaz, as apps) que empregaremos. Previamente, tivemos unha breve videoconferencia o "nodo galego" e despois da mesma, a sección inicial da sesión con Carolina serviu para abordar 4 preguntas básicas.
Como vai ser este curso?
Primeiramente, estreamos o chat. O xoves Carolina gravou unha video-presentación en Flipgrid e convidounos a través de correo electrónico a facer a nosa propia. Hoxe preguntounos se a viramos, aproveitando para resumir un pouco a súa experiencia e contexto.
Recordounos que Moodle vai ser o noso espazo e que as sesións van ser gravadas; revisou o horario e fixo unha indicación do traballo sincrónico e asincrónico.
Cada día imos ter actividades de cohesión social e emocional, que nos permitirán compartir unha parte máis persoal e ir creando grupo. A actividade de hoxe, por exemplo, consistiu en compartir unha rosa e unha espiña destes días de vacacións.
Despois desta introdución, xa nos metemos en fariña.
Que é o ensino semipresencial?
Esta parte artellouse por medio dunha dinámica Think-Pair-Share (1'-10'-5') na que primeiro escribimos as nosas ideas nun caderno, logo fomos a sesións de parellas para compartilas, e finalmente puxémolas en común na gran sala. Tras unha breve pausa, compartiu as ideas que ela tiña preparadas previamente e que se recollen na diapositiva a continuación.
Diapositiva propiedade de Carolina Castro |
Como podo facer presentacións interactivas?
A maioría de nós emprega presentacións na aula, empregando ferramentas como Google Slides, Powerpoint ou Genial.ly.
Co fin de ir un pouco máis aló da simple presentación de contidos, afondamos un pouco nesta última ferramenta (Genial.ly), primeiro cun achegamento a través da súa experiencia e do seu fillo de 10 anos, revisando as vantaxes do seu uso, presentando un vídeo de 8 minutos e logo con exemplos de actividades concretas para a aula de linguas.
Que estratexias de aprendizaxe social e emocional podo empregar nas miñas clases na Rede?
A última parte da sesión estivo dedicada a aspectos de aprendizaxe social e emocional, en concreto unha pequena introdución ao seu carácter esencial así como exemplos aportados entre todos/as a través dunha chuvia de ideas.
Neste espazo deixo os apuntamentos visuais da xornada de hoxe.
- Resumo da xornada de hoxe por Luís Xuncal (EOI Santiago)
- Comentario da xornada de hoxe por Marta Portela (EOI Santiago)
- Padlet-resumo de cada xornada por Begoña Suárez (EOI Pontevedra)
- Nola gin hitzaldi on bat? por Imanol Haranburu (euskera B2)
- Quiz creado por Marta Portela (inglés A1)
- Xogo da oca creado por Uxía Martínez (inglés A1)
- Philosophy, presentación de Ángeles Fernández (inglés C1.1.)
- Food creado por Ana Barrero (inglés)
- Tintin, creada por Arantza Idoate (francés)
- Indovina lo scrittore, creado por Luís Xuncal (italiano B2)
- Casa e arredi, creada por Rut Vázquez (italiano)
- I vini italiani, creada por Begoña Suárez (italiano)
- Der Körper, creado por Rosa Quiroga (alemán)
- Infinitivsätze, creada por Carmen Garrido (alemán)
Unha primeira xornada de traballo con moita creatividade por parte dos/as participantes, parabéns!
ResponderEliminarAbofé. O traballo é intenso, pero efectivamente, mira a compilación rica de ideas e recursos. Grazas, Alicia!
Eliminar