mércores, 17 de febreiro de 2021

I Congreso de Educación de Persoas Adultas



O día 23 de xaneiro tivo lugar o Primeiro congreso estatal de educación de persoas adultas: Conquistando espazos para a aprendizaxe ao longo da vida. Foi organizado por @fadultos, que se definen como un grupo de amigos unidos polo interese en visibilizar e prestixiar a Educación de Persoas Adultas: 

O programa foi moi completo e pódese acceder ás gravacións das intervencións e ás presentacións nesta ligazón, porén deixo aquí algúns dos aspectos que considerei relevantes.

Algunhas novidades introducidas pola LOMLOE Lei Orgánica 3/2020, de 29 de decembro, mencionadas por Alejandro Tiana Ferrer, nomeadamente:

  • A autonomía dos centros educativos;
  • O énfase na aprendizaxe ao longo da vida;
  • O artigo 67.1. Asimismo, las administraciones educativas podrán autorizar excepcionalmente el acceso a estas enseñanzas a los y las mayores de dieciséis años, en los que concurran circunstancias que les impidan acudir a centros educativos ordinarios y que estén debidamente acreditadas y reguladas, y a quienes no hubieran estado escolarizados en el sistema educativo español
  • O artigo 60.3. Las Administraciones educativas podrán integrar en las escuelas oficiales de idiomas las enseñanzas de idiomas a distancia.

Joan Padrós Rodríguez e Azucena Badenes Negre exploraron algúns aspectos das novas tecnoloxías en relación ao benestar emocional do alumnado adulto. 

  • Púxose sobre a mesa a dicotomía estrés/motivación darredor do emprego das TIC (experiencias extrínsecas e intrínsecas, competencia dixital variable entre o alumnado, diferentes niveis de tolerancia á frustración, etc).
  • A fenda dixital (e de xénero) e o chamado "analfabetismo de dispositivo" como puntos de choque coa suposta transversalidade que cómpre darlle á tecnoloxía.
É obvio, entón, que cómpre abordarmos con urxencia a tarefa colectiva de ofertar unha formación personalizada, flexible e diversa que camiñe cara a meta de dotar ao noso alumnado de estratexias que conduzan á autonomía e ao aproveitamento das TIC.

Ao fío de metodoloxías que transforman vidas e espazos, Emilio Plazas Cuevas,  Patricia Martínez Cano e Maribel Casado Gómez presentaron proxectos dos seus centros nos que destacaron a incorporación de estratexias da aula invertida e de ludificación así como o emprego de radio e redes sociais. Encantoume o proxecto "En abril, historias mil" no que colaboraron alumnas e docentes do módulo de mulleres do centro penitenciario e alumnado e profesorado do ámbito de comunicación de Educación Secundaria para Persoas Adultas do Plan Prometeo. Crearon un dossier dixital no que recompilaron os relatos autobiográficos das alumnas internas posteriormente transcritas e estruturadas polo alumnado de Prometeo nivel II.

No apartado de experiencias, non puiden aínda visualizalas todas ao coincidiren no tempo e tamén coa nosa propia intervención, porén destaco outro dos proxectos do CEPA Abril, centrado en evitar o abandono das persoas inmigrantes proporcionando material para facilitar a súa integración; así como o do CEPA Villaverde, focalizado nos dereitos humanos.

A xornada da tarde mantivo cativa a atención cunha panoplia de experiencias de aprendizaxe formal e non formal, con intervencións de Francisco Javier Aribau, Francisco Ascón, Adriana Sabaté e Carolina García. Coñecemos El Tranvía, a Universidade Sénior da CoruñaLa Troca,  e Weesuwul 2020

E por último, a charla de clausura de Fernando Trujillo instounos a ir alén da aprendizaxe do alumnado, pensando non só na súa experiencia senón no seu benestar integral. Reivindicou máis investigación na Educación de Persoas Adultas (grazas a chiar sobre este aspecto descubrín a Margarita Gutiérrez e a Arnau Esteban). Ademais, puxo en evidencia a necesidade de investimento focalizado nas persoas desfavorecidas e tamén no financiamento destinado á redución de barreiras, así como a unha estratexia nacional para que os/as educandos/as teñan acceso ás TIC.

Moito se falou do impacto do congreso nas redes sociais, ao converter o cancelo #congresoEPA en trending topic,  pero convidóusenos a ver máis aló dun só evento de formación e centrarnos na constitución dunha #comunidadEPA. Sendo como son profesora de Escolas Oficiais de Idiomas, a invitación paréceme moi necesaria na dirección de crear sinerxias e redes de colaboración con centros de educación de adultos e alegroume moito ver a moitas outras compañeiras seguindo o congreso e comentándoo nas redes sociais.

Quédanos agora ir traballando de cara ao II Congreso de Educación de Persoas Adultas. E niso estamos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario