xoves, 18 de febreiro de 2021

SBLENDID: Primeira mobilidade (curso impartido por NILE)

O 26 de xullo de 2019 os equipos directivos das EOI de Galicia recibiron un correo cunha proposta inicial na liña dun proxecto Erasmus Plus KA104 conxunto entre todas as EOI galegas e o CAFI ao fío da aprendizaxe mixta (blended learning). Os obxectivos eran conformar unha comunidade de aprendizaxe para acordarmos a tipoloxía de cursos, a dinamización dos mesmos, e a integración coa parte presencial.

A partires de setembro comezamos a traballar entre todas na redacción do proxecto SBLENDID (“Escuelas que usan el aprendizaje mixto para dialogar sobre pedagogías interrelacionadas”)  e resultou aprobado cunha excelente valoración (primeiro lugar a nivel nacional). Pouco imaxinábamos a relevancia que ía tomar dado o interese nesta modalidade de ensino como resultado da pandemia da Covid-19 (febreiro 2020) e tamén da súa actual implementación en catro Escolas Oficiais de Idiomas galegas durante o presente curso 2020-21.

Os proxectos Erasmus+ están a ser reformulados como consecuencia das restricións da mobilidade. Non é posible, de momento, ir ao estranxeiro facermos cursos estruturados ou mobilidades de observación de centros educativos. Porén, si podemos facer cursos en "mobilidades virtuais" e, no noso caso, somos afortunados polas capacidades do CAFI como entidade de formación para poder levarmos a cabo outras actividades, como a formación en formato aberto a través de webinarios.

A primeira mobilidade que fixemos, organizada e acordada con compañeiras da EOI de Murcia, EOI de Alcalá e EOI de Pamplona foi impartida por Russell Stannard, de NILE. Tivo lugar no mes de decembro (5 días, do 14 ao 18), e nela participamos nove docentes galegas. Centrouse en aspectos avanzados da integración de contidos presenciais e traballo na Rede. Este curso equilibrou os aspectos do ensino semipresencial e proporcionou a oportunidade de elaborar prototipos e recibir feedback e avaliación dos mesmos. 


No marco do proxecto e tamén por suposto continuando despois da súa finalización, proxectouse a formación en cascada. Enténdese que o obxectivo último vai máis aló de capacitar ao grupo de docentes que participamos no mesmo, tentando tamén transmitir o aprendido, creando unha rede de profesionais competentes no ensino mixto que poidan formar a outro profesorado non só de EOI senón doutros niveis e ámbitos educativos. 
 
No CAFI a (in)formación aos/ás compañeiros/as faise a través dun informe compartido na Intranet, que ten unha visibilidade máis reducida, daquela co fin de aumentar o eco do aprendido, comparto unha síntese facendo uso desta bitácora persoal.

O programa detallado das actividades que realizamos nesas datas foi o seguinte:

Ensino semipresencial e online de linguas

Obxectivos do curso

  • Entender os modelos de ensino semipresencial
  • Entender os elementos clave para que o ensino semipresencial sexa efectivo
  • Entender as tecnoloxías principais que se empregan para impartir un curso online ou en semipresencial
  • Usar de maneira efectiva esas tecnoloxías e encaixalas no deseño global dun curso
  • Experimentar e ter un bo entendemento de maneiras alternativas de avaliar na Rede.
Estrutura do curso

O curso organizouse do seguinte xeito:

9-11.30 am

  • Clase online con Russell en base aos contidos indicados máis abaixo

11.30 -3.00 pm

  • Traballo en grupo e individual en base á tarefa que marcou o titor

3-4. pm

  • Reunión de novo con todo o grupo para revisar as actividades feitas

Lecturas

  • Cada día tivemos tamén unha serie de lecturas conectadas coa temática que cumpría abordar fóra deste horario


Sesións diarias

Día

Temática

1

Aprendizaxe semipresencial, híbrida e online. Diferenzas

2

Elementos de deseño para crear un espazo virtual motivador

3

Creación de vídeos educativos para fomentar a participación e manter a motivación

4

Avaliación formativa

5

Autonomía da aprendizaxe

Completar o portafolio  de aprendizaxe

Déronse 3 días a maiores para completar o portafolio de aprendizaxe


Avaliación

En cada sesión houbo que facer entregas en dixital dos exercicios asignados que foron recollidos nun e-portafolio de aprendizaxe.


Relator

Russell Stannard é o fundador de www.teachertrainingvideos.com e profesor asociado de NILE onde imparte cursos de Máster e de aula invertida. Foi o gañador de dous premios: O British Council ELTons Technology Award e o Times Higher Outstanding Technology Award.


O traballo desempeñado durante o curso así como o compendio de aprendizaxes quedaron recollidos no portafolios. Nel incluín os contidos de cada día, as reflexións realizadas ao fío das mesmas, así como ligazóns a aplicacións, ferramentas, lecturas e vídeos de interese. Tamén se referencian os portafolios das demais persoas participantes no curso (15 docentes en total).
 
Co cancelo #CAFI_SBLENDID poden  visualizarse os recursos e experiencias que imos compartindo, e tamén deixo aquí varias referencias de interese:
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario