martes, 16 de febreiro de 2021

La escuela, lo primero. Unha proposta da Fundación Cotec

Aló polo mes de outubro vin en redes sociais un convite para participar en La escuela, lo primero. Un convite que se presentaba como un proyecto de innovación impulsado por la Fundación Cotec cuyo objetivo es ofrecer a la Administración, centros educativos, personal docente, y otras instituciones, las herramientas necesarias para afrontar los desafíos a los que se enfrenta el sistema educativo, los diferentes escenarios y situaciones – presenciales y a distancia – derivados de la pandemia de la Covid-19.



Para quen non coñeza a Fundación Cotec, trátase dunha organización privada,  do ámbito empresarial. Desde hai uns 5 anos, aparte da innovación tecnolóxica explora tamén outros eidos de cambio, entre eles o educativo. Así que me anotei a esta proposta que convidaba a seleccionar o reto que che gustaría abordar.

Escollín un que me interesaba especialmente despois de ter participado en varios procesos de creación e colaboración virtual que funcionaron de maneira máis ou menos fluída, pero que en todo caso tiveron os seus buracos. O reto#1: Como traballar en comunidade en tempos de crise? propúñase explorar a xeración dun proceso de construción de comunidade educativa nunha situación excepcional como a actual, para fortalecer os lazos e a participación dos diferentes axentes involucrados.

Despois de varios correos que explicaban este laboratorio de innovación e concretaban o calendario e as dúas ferramentas de traballo, desde o 19 de novembro ata o 10 de decembro estiven traballando en 8 sesións cun grupo de 3 persoas máis (unha das persoas non puido participar, por iso quedamos 4 no lugar de 5). O grupo 1 éramos (somos): 
  • Eva Nicasio Jaramilla, profesora de ESO e Bacharelato no IES Lola Flores (Jerez de la Frontera), 
  • Sergio García Díaz, profesor de Primaria en CC. Nuestra Señora de la Consolación (Villacañas)
  • Emilia Formali, directora na Escola Montserratina (Viladecans).

O proceso foi unha verdadeira gozada desde o día 1. Por iso me interesa debullar o que para min foron factores de éxito:

  1. Un bo grupo de traballo formado por coidadores/as do proxecto, mentores/as e facilitadores/as. 
  2. Unha estrutura detallada das sesións con tempos e indicacións moi claras.
  3. Equipos de profesorado variados, de contextos e formacións diferentes e complementarias.
  4. Ferramentas TIC de uso intuitivo que permitiron o desenvolvemento do traballo sen estorbalo.
  5. Unha conxunción equilibrada entre a andamiaxe provista e o exercicio da creatividade dos grupos.
  6. A asignación de roles claros a cada participante e o labor de facilitación "na sombra" para axudar aos equipos cando ocasionalmente nos bloqueábamos.
Foi moi enriquecedor ir vivindo a experiencia de formación do grupo e de concreción da proposta, que se desenvolveu con moita fluidez e sen ningún tipo de conflito: Cedeuse cando fixo falla, cubriuse a ausencia dalgunha persoa cando non puido asistir a unha sesión; e complementámonos moi ben nas habilidades que cada un/ha temos.

Alén disto, tivemos a sorte de chegar á nosa idea (o subreto) desde a segunda sesión de maneira moi clara, orientándoa cara a creación dun proxecto ludificado no que se puidesen ir engadindo paulatinamente diferentes axentes da comunidade educativa. Non foi así en todos os casos, pois na xornada onde presentamos as propostas para recibir feedback dos demais grupos, comparando co que se presentou na sesión final, percibíronse cambios e adaptacións. Imaxino que quizais o seu traballo tivo que ser máis acelerado en tanto tiveron menos tempo para concretar a proposta ao ter que reformulala.

Máis alá do pequeno e gran grupo de xente que interactuamos, e da calidade das propostas, o modelo gustoume moito polo propio proceso en si e a maneira de xestionalo, así que comezamos a pensar en posibilidades de cruce con outras actividades que tiñamos propostas no Departamento de Formación, Innovación e Internacionalización desde o mes de outubro. 

Debo a La escuela, lo primero, unha experiencia moi motivadora a dous niveis: como alumna, permitíndome unha experiencia de traballo en grupo cun grupo de profesionais comprometidos e inspiradores; e como profesional, pola posibilidade de experimentar un proceso eficiente de colaboración virtual.

Moitas grazas, Emi, Eva e Sergio, así como ás facilitadoras (Ana, Paloma, Loly), a Iria, a nosa mentora, e a Alfredo pola actitude positiva e de vontade de cohesión grupal.





Ningún comentario:

Publicar un comentario