venres, 29 de xuño de 2018

Progresos cos apuntamentos visuais (II)


Contábavos aquí o inicio da aventura cos apuntamentos visuais ou sketchnotes e o reto que nos lanzaban desde Sketch50. A viaxe de aprendizaxe está a ser moi enriquecedora e cruceime nesta andaina con xente que comparte xenerosamente recursos como Juan Villar, Monse Poyatos, Bianca Yavelak, Visual Facilitators, Monica Spillman, Paula FagerbergKatharina TheisBröhl, Misty Kluesner ou Wanda Terral. Aquí en Galicia, vou descubrindo polas redes a docentes como Francisco Jaureguizar, que fai uns mapas visuais superclaros, Isabel Barcón, que emprega apuntamentos visuais especialmente cos seus grupos de 1º de ESO e PMAR, María Pereiro, profesora de FOL, que é quen de representar ideas ben complexas; ou o meu compañeiro Jesús García, que aínda non se animou a compartir en redes pero que fai verdadeiras marabillas.

Tamén participei na iniciativa #passthesketchnote que tivo lugar o 1 e 2 de xuño e foi organizada por Carrie Baughcum e Monica Spillman. Elas puxéronnos en grupos de docentes de todo o mundo  e propuxeron un tema. En base a el cada un(ha) foi debuxando, engadindo texto, conectores, marcos, etc. Foi moi interesante ir vendo os puntos coincidentes entre todos os grupos, independentemente do país de orixe, así como as particularidades de cada un(ha) e como evolucionaban as ideas orixinais. A xestión dos problemas que xurdiron (que quedase "atascado" o debuxo nalgunha persoa e non circulase, ou que tivésemos que esperar horas porque era noite noutra parte do mundo,...) foi tamén parte da aprendizaxe e do proceso. Aquí podedes ver o sketchnote que fixemos no grupo 1, integrado por Gillian Falknor, Jen Giffen, Tynia Thomassie e eu mesma.

Fotografía de Gillian Falknor
Como se permitiu que cada un elixise a ferramenta que quixese, houbo resultados moi variados e tamén dou pé a facer unha reflexión sobre cal é a opción máis cómoda e a que máis posibilidades ofrece. Agora mesmo, de feito, estase a facer unha comparativa entre varias aplicacións para tabletas recollendo impresións dos/as usuarios/as.

Case tres meses despois, sigo enganchada a este xeito de captar o que escoitamos ou vemos, pois certamente engade unha nova dimensión á maneira en que procesamos a información. A creatividade non se pode atar ao pensamento visual ou verbal, senón que a miúdo emerxe cando ambos interactúan. 

As conclusións que tirei polo de agora son as seguintes:
  • se xa tedes o hábito de tomar notas do que ledes, vedes ou escoitades, os apuntamentos visuais levaranvos un paso máis lonxe porque requiren bastante máis concentración e darlle "unha voltiña á información" para expresarla do xeito máis transparente posible, ás veces a través dunha metáfora visual, ou simplificando un concepto complexo;
  • ese traballo extra que pasas pensando na mellor maneira de representar as ideas afórralo á hora de repasar, primeiro, porque o tratamento da información foi máis profundo; e segundo, porque só cunha ollada tes unha visión clara dos conceptos principais e as súas relacións;
  • é interesante ir personalizando e simplificando o proceso. Por exemplo, se coma min non sodes moi hábiles co debuxo, podedes axudarvos de recortes ou fotografías, tipo scrapbooking.
No que se refire ás ferramentas e recursos, sigo preferindo o papel e os bolis ou rotuladores, pero co fin de gañar en "limpeza", claridade e comodidade, ando a explorar as posibilidades que ofrece o Apple pencil e as distintas aplicacións do iPad, xa vos irei contando.

Déixovos un vídeo-resumo do proceso, desde o comezo do reto con Sketch50, pasando pola fase libre onde seguín pola miña conta, e agora, que combino as dúas opcións: un proceso guiado a través dun grupo de Slack coa xente de Sketchnote Army, que nos motiva cun reto novo cada día, e outro máis autónomo resumindo ao meu xeito experiencias, libros ou charlas ou planificando tarefas e proxectos.


E por último, quedan tamén aquí algúns recursos de utilidade para ti, independentemente do nivel no que esteas:
  • Para os que xa o integrades nas vosas aulas, quizais vos virá ben esta diana de avaliación deseñada por Juan Villar, que podedes atopar no seu blog xunto con instrucións sobre como empregala.
Fotografía de Juan Villar
  • Para os que buscades un escaparate para os vosos apuntamentos visuais, a ligazón onde podedes enviala para que Sketchnote Army o publique na súa web.

Ningún comentario:

Publicar un comentario