venres, 30 de marzo de 2018

Experimentando cos apuntamentos visuais ( "sketchnoting")

Desde o NOOC "Visualiza pensamientos e ideas" estou viciada do sketchnoting e tentando explorar as posibilidades que ofrece tanto a nivel persoal como profesional. Aquí chamámoslle visual thinking non sei moi ben por que.  Visual thinking é un termo global que inclúe múltiples técnicas relacionadas co pensamento e a expresión visual da información,  por exemplo un diccionario visual, ou unha flashcard. Entre elas está tamén o sketchnoting, que non é cousa nova. Seguro que todos nalgún momento da nosa vida académica fixemos esquemas visuais (de maior ou menor complexidade e/ou calidade artística) dun tema ou dunha charla. 

Cal é o obxectivo do sketchnoting?

Transformar ideas en comunicación visual, estruturando pensamentos e xerarquizando conceptos cunha serie de ferramentas para crear un produto final que nos permita ter unha visión global con tan só unha ollada.

Hai varias características que o fan atractivo para min: 

1) aínda que é un medio visual, non esixe ter unha habilidade especial para debuxar; 

2) o propio nome sketchnoting xa indica que é un borrador, un bosquexo, un produto en construción, coma o coñecemento en si mesmo; 

3) ten unha parte pública, unha persoal e unha de práctica, xa que permite explorar o estilo propio e o dos demais e irse enriquecendo mutuamente; 

4) hai que facelo a man, tanto sexa nun dispositivo móbil como nun caderno. As vantaxes de facelo   destácanse neste artigo.

Como se fai o sketchnoting?
  • Táctica
Os expertos din que hai que escoitar, sincronizar e procesar a información, visualizala e plasmala de xeito sinxelo. 

Para os novatos coma min, vén ben examinar os elementos dos que podemos botar man nos nosos esquemas: texto, contedores (caixas, banners, "bocadillos"), conectores (frechas e liñas), marcos (tipo caixas de cómic, camiño, círculo) e iconas varias. Cando os temos dominados, podemos pasar á parte máis estética incluíndo sombreado e/ou cor.
  • Ferramentas
Cada un/ha que elixa: ben unha ferramenta analóxica (caderno e rotuladores) ou dixital (tableta). 

Estou probando as dúas opcións e de momento teño limitacións na tableta, pois é un iPad mini e non hai un lapis dixital axeitado para el (só para o iPad Pro), polo cal estou usando os típicos bolis touchscreen que son incómodos e non permiten moita precisión. En canto ás aplicacións, emprego Sketches que é gratuíta, aínda que hai outras como Notability, neu.Notes+ e Procreate; iso si, todas elas de pago. 

Posibilidades para a aula

As posibilidades, ao meu parecer, non están tanto no resultado final como nas habilidades que nos fai pór en acción: atención, comprensión, síntese e estruturamento da información e creatividade.

Podemos comezar por traballar con sketchnotes engadidas ás marxes dun texto ou en notas post-it. De aí pasamos a simplificar e sintetizar as ideas principais dun vídeo que acabamos de ver, resumir contidos dunha exposición oral dunha compañeira ou recoller os aspectos máis relevantes dunha chuvia de ideas. 

Cando o alumnado xa produza as súas propias sketchnotes, podemos compilalas todas en Pinterest, Instagram, nunha bitácora ou nunha comunidade Google (un exemplo desta última é o grupo Sketchnote Scribes). Estas notas visuais parécenme excelentes ferramentas para repasar contidos ou comunicalos a outros.

Como podo comezar co sketchnoting?

Xusto o 26 de marzo deste 2018 botou a andar a iniciativa Sketch50 (a web aquí) onde propoñen un reto de 50 días para construír o teu propio vocabulario visual e axudarche a mellorar a toma de notas visual. Cada semana lanzan un tema e anímannos a investir 5 minutos ou menos debuxando algo relacionado con el. Como é habitual, independentemente dos nosos produtos, o interesante é ver os recursos que van compartindo os demais, ir practicando e aprendendo pouco a pouco. Animádevos e para o vindeiro ano, o 11 de xaneiro (World Sketchnote Day), facemos algo!





Recursos na rede:

Recoméndovos os perfís en Twitter de Carrie Baughcum, Marie-Andrée Ouimet (que ademais comparte materiais en francés) e Kathy Schrock. Aquí en España temos a: Clara Cordero, Garbiñe Larralde ou Garabateadora entre outras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario