Onte sábado, cando os medios nos alertaban da presenza do temporal Félix, na Fundación Pondal d'O Couto invitábannos a acubillarnos a carón da lareira e aprender outros xeitos de ensinar matemáticas da man de Marcos Marrero Cárdenas nunha actividade organizada polo CFR de Coruña (centro colaborador de Vimianzo).
Este docente de Educación Física formouse con Antonio Martín e actualmente é embaixador do colectivo OAOA, unhas siglas que responden ao nome "Otros Algoritmos para Operaciones Matemáticas". Na súa bitácora preséntanse dentro do seguinte marco teórico:
"Está formado por las miles de ideas y ganas de hacer una mejor educación matemática de cientos de docentes de todos los niveles (infantil, primaria, secundaria y universidad), de muchos lugares de España y América Latina. Su aportación ha enriquecido la metodología OAOA, dando lugar al nacimiento de un Movimiento OAOA para renovar radicalmente la enseñanza y el aprendizaje de las matemáticas. A este proyecto OAOA se unen la nuevas tecnologías, y el uso adecuado de las mismas para el desarrollo del razonamiento lógico matemático en el siglo XXI".
A metáfora do pote e os rachóns compartindo espazo con visualizador de documentos, portátil e proxector foi ben acertada co lema elixido: "Hai futuro educativo no rural". A Fundación Pondal desde logo fai esforzos loables neste ámbito, combinando as raíces coa modernidade en actividades coma o Simposio Pondaliano, o Festiletras, a Universidade Rural, obradoiros de regueifa ou as aulas científico-tecnolóxicas.
Nesta xornada compartimos experiencia de aprendizaxe pais e nais, docentes, futuros/as docentes e asesores de formación. Para min foi a primeira oportunidade de coincidir con todos estes colectivos á vez e desde logo foi moi interesante observar reaccións e actitudes, e sobre todo intercambiar impresións ao remate.
Sobre o relatorio de Marcos Marrero, deixádeme puntualizar que non son docente de matemáticas e por tanto non podo dar unha opinión detallada nin con coñecemento de causa, alén de artigos que teño lido, un par de sesións de formación sobre o método ABN, e conversas informais con compañeiros/as que si son especialistas. O que si vos podo deixar nesta entrada son as impresións que recollín e os recursos que se nos facilitaron.
Marrero comezou por indicarnos que o colectivo OAOA, como indica no seu marco, bebe de diversas fontes e mestura varias correntes metodolóxicas, entre outras:
- El niño reinventa la aritmética (1986) de Constance Kamii
- A teoría cognitiva de Jerome Bruner (1966)
- José Antonio Fernández Bravo e o uso das regletas de Cuisenaire
Despois desta breve introdución teórica, fíxonos conscientes a través da experiencia dos criterios e métodos que empregamos para facer operacións básicas e da dificultade que temos para verbalizar eses procesos.
O corpo do relatorio consistiu na alternancia de demostracións co visionado de vídeos do seu alumnado, co obxectivo de presentar maneiras de traballar a manipulación como transición á abstracción e a "resta pensando" cos métodos de descomposición, composición e compensación.
Para finalizar, falou sobre o método de aprendizaxe de matemáticas en Singapur, partindo deste vídeo e fixo a reflexión de que realmente este sistema, ao igual que a metodoloxía da OAOA non é realmente innovación, pois Dona Ramona, a avoa dunha das súas alumnas, fai uso desa mesma destreza que aprendeu nos seus tempos (ten 83 anos).
Pola miña parte, as conclusións que saco son:
- No CEIP Isaac de Vega a dirección e o claustro teñen claro que esta é a metodoloxía que queren seguir e ofrecen apoio ao profesorado para que todos/as traballen na mesma liña. Marcos visita as aulas dos/as compañeiros/as 2 veces por semana, e os docentes de nova incorporación reciben formación neste ámbito. Existe unha continuidade e coherencia metodolóxica.
- Sendo docente de linguas, sorprendeume o articulada que era a linguaxe do alumnado e o ben que eran capaces de expresar o proceso (complexo) polo que chegaban ao resultado final. Creo que esa integración de habilidades lóxico-matemáticas e lingüísticas é moi interesante.
- Gustoume a filosofía ecléctica de OAOA e a flexibilidade que teñen á hora de incorporar materiais, recursos e metodoloxías ao servizo duns obxectivos claramente definidos. Ao fin e ao cabo, non é esa a actitude que temos os docentes cara a conformación do noso calidoscopio educativo?
Remato agradecendo a Marcos Marrero o seu entusiasmo na presentación e José María Varela o convite a participar nesta sesión de formación.
De seguido podedes ver fotos do material que ten editado para emprego do seu alumnado, e déixovos tamén uns breves apuntamentos da sesión e os recursos que Marcos Marrero nos recomendou.
Recursos:
- Canle de videotitoriais de Antonio Martín
- Bitácora de OAOA Matemáticas
- O estudo "Educación matemática en los Países Bajos. Un recorrido guiado" de Marja van den Heuvel-Panhuize
- Bitácora "Más ideas, menos cuentas"
- Repositorio de materiais de OAOA en Drive, clasificado por niveis
- Os dossiers de María Antonia Canals
- Perfil no Facebook da Fundación Eduardo Pondal
Ningún comentario:
Publicar un comentario