martes, 27 de marzo de 2018

IES Maruxa Mallo: I Congreso escolar pola igualdade

O informe da OECD Closing the Gender Gap. Act Now (2012) recolle a idea de que a igualdade de xénero non se basea só no empoderamento económico, senón que é un imperativo moral: implica a busca da xustiza e da equidade e ten unha dimensión política, social e cultural. Aínda que hai avances recentes na igualdade no ámbito educativo e hai menos nenas que abandonan a escola, as estatísticas dese informe indican que as mulleres seguimos gañando menos cós homes, témolo máis difícil para chegar aos postos altos e máis probabilidades de pasar os últimos anos da vida en condicións de pobreza. 

A educación é unha ferramenta imprescindible para acabar con esa desigualdade, e a escola constitúe unha plataforma excelente para a superación dos prexuízos sexistas e para conseguir un cambio en profundidade das estruturas e das prácticas sociais non desexables.

En Galicia, os centros educativos temos unha normativa que regula todo o ámbito da igualdade, que se pode consultar nesta ligazón e da que se nos recomenda polo menos coñecer o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 e o Protocolo de identidade de xénero.

De feito, ese primeiro documento ábrese co seguinte parágrafo:
"Educar é proporcionar unha formación integral que lles permita a nenos e nenas, mozos e mozas unha formación plena e que axude a configurar a súa identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á súa vez o coñecemento e a súa valoración ética e moral. Coeducar implica educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo"

Os plans de convivencia nos centros aspiran a cumprir ese obxectivo de coeducar, asentándose sobre 6 eixes ou piares fundamentais que á súa vez parten do marco normativo de ámbito autonómico do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro (Artigos 17, 18, 22, 23 e 26).

Alén do plan de convivencia, cada vez hai máis centros que organizan actividades en torno a esta temática. A modo de exemplo, grazas á invitación do profesorado do IES Maruxa Mallo, o pasado venres 23 de marzo tivemos a oportunidade de asistir ao I Congreso Escolar pola Igualdade.

O congreso durou dous días, comezou o xoves 22 cunha charla/obradoiro titulada "Xestión do consentimento", impartida por Martina González Veiga e Sabela Maceira Mato. O segundo día tivo lugar o groso do congreso na Casa da Cultura, con relatorios, contidos audiovisuais e performances.

O evento abriuse con alegría, con puntos, saltos e paseos a ritmo da muiñeira "Noró". De seguido, a Secretaria xeral da igualdade, Susana López Abella, felicitou ao Concello de Ordes en xeral e ao IES Maruxa Mallo pola transversalidade de xénero que fomentan: maletas de igualdade viaxeiras, materia de libre configuración, app de servizos e a publicación do libro Isabel Zendal nos arquivos de Galicia (2018).

A entrada de cheo na temática veu coa manchea de relatorios presentados polo alumnado do centro que versaron sobre temas tan diversos como necesarios: publicidade, revisión de series, libros, películas e catálogos de xoguetes, acoso e maltrato, mitos falsos do amor romántico, construción de relacións sans e igualitarias, entrevistas, revisión da masculinidade tradicional, análise do repertorio e a imaxe das orquestras galegas, mutilación xenital feminina, estereotipos do corpo e a beleza, linguaxe non sexista, definición do feminismo e combate de prexuízos.

Foi un desfile de discursos rigorosos nos que se vía que había investigación, traballo e posta en práctica de habilidades de alto orde (análise, comparación, avaliación). Quedamos impresionadas coas capacidades comunicativas de alumnas e alumnos, co emprego que fixeron de medios audiovisuais (presentacións, música e vídeo) e coa boa organización do acto en xeral. Houbo lugar para exposicións orais, rap, cancións pop,  performance, un vídeo gravado con dron, gravacións de entrevistas e proxeccións audiovisuais.

No auditorio resoaron lemas coma:
"Sen loita non hai conquistas"
"Coma min ningunha" 

Parabéns a Susana Méndez Leis, Charo Fernández Velho, José Manuel Dopazo Mella e Alfredo Iglesias Diéguez polo seu traballo e compromiso, e sobre todo ao alumnado polo entusiasmo e bo traballo.



Para saber máis:

  • Noticia en La Voz de Galicia (24/3/2018)
  • Noticia na web do Concello de Ordes (23/3/2018)
  • Noticia en La Voz de Galicia (20/3/2018)

Ningún comentario:

Publicar un comentario