xoves, 29 de marzo de 2018

Premio para as mozas STEM das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal

Un estudo recente do catedrático Martin W Bauer do Departamento de Ciencias Psicolóxicas e Condutuais da London School of Economics (LSE) analizou grupos de rapazas menores de 30 anos en 12 países europeos (entre os que non estaba España).

Entre as conclusións máis importantes está a que indica que hai unha fiestra de oportunidade de 4 anos (entre os 11 e os 15) para fomentar a paixón polas materias STEM entre as rapazas, xa que a partir dos 15 e os 16, ese interese decae. Hai que aproveitar 5 forzas: o ánimo e a mentorización; a experiencia práctica; as aplicacións na vida diaria; a confianza na igualdade e os modelos femininos visibles.

Fonte: Graph 1 Why Europe's girls aren't studying STEM

O estudo propón varias accións para fomentar as vocacións STEM dentro e fóra das aulas, porque hai maneiras tanxibles de axudar ás mozas a adquirir habilidades científicas e tecnolóxicas, entre as cales se contan Europe Code Week, Hour of Code ou Girls in ICT Day.

A nivel galego tamén temos casos dignos de mención que están facendo un traballo espectacular. Un exemplo son as Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, unha iniciativa da Fundación Pondal que dirixe David Ballesteros, da empresa viguesa Ceo Aberto.

Este artigo de La Voz de Galicia de hai un par de días recollía un dos moitos logros das alumnas destas aulas: dous premios na Exporecerca Jove en Barcelona. Alén dos premios e os recoñecementos, a metodoloxía de traballo e os proxectos que levan a cabo son certamente interesantes, e quixemos coñecelos a través dunha conversa con Uxía López, Esther Suárez,  Natalia Fariña Lucía Suárez.

UxíaNataliaLucía e  Esther (fotografía de Basilio Bello)
Esther cursa 2º da ESO, Uxía e Lucía 3º e Natalia 1º de Bacharelato. Levan dous ou tres anos nas Aulas Científico-Tecnolóxicas e en todas se percibe a motivación e o entusiasmo polos proxectos nos que traballan. Falamos con elas para que nos conten un pouquiño máis da súa experiencia nas Aulas e tamén dos proxectos que presentaron  na Exporecerca Jove.

- De onde vos vén ese interese pola ciencia e a tecnoloxía? 

Esther: A raíz das Aulas Científico-Tecnolóxicas. O primeiro ano programaba con Scratch, cousas pequenas, como a caixa de música dunha bailarina. O segundo ano xa seguín con Arduino.

Uxía: Gústame a ciencia desde pequena e ao entrar nas Aulas vin que máis que a teoría das clases había unha práctica máis divertida onde ti podías crear. O cole é máis teoría e non podes ti experimentar tanto.

Natalia: Gústame, e aparte meu irmán tamén fixo bacharelato científico.

Lucía: Meu padriño estuda os ordenadores e é informático e xa desde pequena me gustou moito a ciencia e tecnoloxía. Comenteillo aos meus pais e este é o segundo ano que estou nas Aulas Científico-Tecnolóxicas.

- Podédesnos contar como é o traballo nas aulas Parga Pondal?

Esther: Nós pensamos un traballo e comentámosllo a David. Pode ser un traballo de investigación ou tecnolóxico. A partir desa idea vainos dando pautas. Por exemplo, a nosa idea do "Cero Lume" xurdiu cando vin que en Galicia e Norte de Portugal houbo incendios. Xa que non se poden erradicar, polo menos diminuílos.

Lucía: Cando comeza o curso ti levas unha idea do que queres facer e coméntala e os demais axúdanche a decidir por onde tirar e os materiais que necesitas. Nós tiñamos varias ideas, pero ao final decidimos facer unha estación meteorolóxica para controlar e previr incendios. 

Uxía: Ao principio do curso falamos cos compañeiros novos e contámoslles de que vai aquelo e ti alí podes poñerte en grupo para facer proxectos e experimentos ou traballar soa. É moi importante elixir unha cousa que che chame, centrarte no que che guste. Despois, nas aulas hai tecnoloxía: arduinos, micro:bits e material de laboratorio para proxectos máis científicos. Podes levar a placa para casa para practicar e non só cos profes, senón que pola túa conta vaias investigando e aprendendo.


- Cantos sodes nas Aulas científico-tecnolóxicas?

Esther: Somos uns 11/12 rapaces. A maioría somos rapazas, menos 2 rapaces. Diego tiña un proxecto moi bo pero non quixo vir expoñelo.

- E por que credes que sodes máis rapazas que rapaces?

Uxía: Agora hai máis mulleres na ciencia, non é como antes que quen estudaba máis eran os rapaces, agora imos todas á escola e os intereses vanse compartindo. 

Lucía: Penso que aos rapaces interésanlle máis os deportes. Na nosa escola tampouco hai moitas rapazas ás que lles interese a tecnoloxía, a ciencia.

- E vós que preferides, o traballo en grupo ou soas? 

Esther: A maioría traballamos en grupo, en parellas. Os máis maiores van individuais. Eu prefiro en parella porque para as feiras sobre todo, apoiámonos mutuamente. 

Lucía: Eu sempre en grupo. O ano pasado fixera un traballo sobre lingua con outra compañeira que este ano está en bacharelato. Este ano traballei con Esther.

Uxía: Mellor en grupos e entre todos axudarse, porque hai compañeiros que xa traballaron con programas e aparellos e ti non. 

- Que tedes que dicir do profe, David Ballesteros?

Esther: Que é majísimo, ten unha tranquilidade! Dache seguridade, se te equivocas non pasa nada, diche: "Pénsao dúas veces, esto non pode ser así, dalle unha volta".

Lucía: Téñolle moito que agradecer pola súa axuda, e tamén a José María Varela e ao meu padriño.

- Contádesnos os proxectos que levastes á feira? 

Esther: O noso proxecto chámase "Cero Lume". É unha maqueta conectada por Arduino, cun anemómetro e un sensor de temperatura e humidade, que emite unha alarma a máis de 30ºC ou 30 km/h. 

Lucía: O estudo do ano pasado era sobre lingua, sobre as diferentes palabras dos dous lados da ría (o seseo, a gheada), pero vin outros traballos que me chamaban máis a atención. O proxecto deste ano é unha estación meteorolóxica que cando chega a uns valores determinados encéndense os LEDs e manda un sinal de prevención a unha central onde se controla esa maqueta.


Uxía: Eu é o terceiro ano que vou á feira. Para esta vez fixen un xoguete dixital para estimular diferentes sentidos dos nenos. Comecei en setembro a traballar nel e a idea veume porque teño moitos primos pequenos, e cando lle regalan xoguetes, céntranse nun ámbito, se se relacionan coa música non lles permite que aprendan con outros sentidos. Eu quería un xoguete onde todo estivese xunto, como moitos xoguetes nun, e que non se aburrisen. O meu xoguete está programado con Arduino e leva un sensor de movemento, un pequeno motor e un micro:bit. É unha placa cunha pantalla para que o neno ao premer botóns se proxecten obxectos cotiás coma un coche ou unha casa. Combina música, movemento e imaxe.

Natalia: Para min tamén é a terceira vez na feira. O primeiro ano presentei un espantapaxaros, o segundo un xerador de exercicios de matemáticas e este ano un proxecto de casa domótica con sistemas de seguridade. Os meus favoritos foron o do espantapaxaros e o deste ano. O espantapaxaros era unha base piramidal recuberta con papel reflectante que tiña LEDs UV insertados no papel que facían o mesmo cando estaba nubrado (o LED rebotaba no papel e o reflexo molestáballe aos paxaros nos ollos). De noite, cando algo estivese preto, o sensor de movemento activaba o LED e tamén emitía un son (estaba conectado a un woofer). A alarma deste ano avísate en caso de incendio, roubo, fugas de gas, inundacións e goteiras. Está deseñada con Arduino e conectado a sensores de calor, gas, auga e monóxido de carbono. Ocorréuseme porque son problemas moi comúns nas casas e hai factores que non hai alarmas para eles. Deume bastante traballo, a verdade.

- Dame a impresión que estes proxectazos, aparte do traballo dos sábados na Fundación, implicaron moito tempo e traballo no voso tempo libre, non?

Esther: Bueno, se che gusta, non importa.

Natalia: Si, ti partes das ideas, logo buscas información dos sensores que poden ser útiles e vas programando. É un pouco frustrante cando non vai. Por exemplo, a min ao primeiro os sensores ían pero ao revés. Debeu ser por algún punto e coma.

Lucía: Nós presentámonos sen ter nada feito, pensamos: "Mandámolo, total non perdemos nada, e se nos collen pois preparamos". Nós chegamos, preparabamos e xa levabamos pensado o que queriamos facer esas dúas horas para non perder o tempo, e se non nos daba tempo, quedabamos pola tarde ou pola semana. Como con Arduino Esther e eu empezamos desde cero, meu padriño axudounos co cableado.

- Axúdavos o traballo que facedes nas aulas Parga Pondal para o traballo no instituto?

Esther: Si que axuda. Por exemplo Arduino no colexio ímolo dar mais adiante, e xa vas coa base aprendida. En tecnoloxía nós non demos nada de proxectos. E aparte tes que ir ás feiras e aprendes a presentar o proxecto con soltura. Iso axuda no colexio para lengua, galego,...

Lucía: Por exemplo o cableado de Arduino imos empezar a facelo na 3º avaliación en Tecnoloxía no colexio, e daquela eu poderei axudar aos demais porque xa vou máis avanzada.

Uxía: O que vemos nas Aulas axuda a entender mellor, sobre todo a rama máis científica: física, química, ... Ademais, eu antes tiña moita vergoña cando tiña que saír explicar algo na clase ou con xente que non coñecía, e desde esa vas aprendendo a soltarte un pouco máis, a expoñer,...

Natalia: Á hora de redactar memorias dache moita vantaxe. Nós para presentar o traballo aos concursos temos que escribir unha memoria e resumos de todos os apartados. Aparte, por exemplo eu este ano teño robótica na clase como materia optativa, e os meus compañeiros xa deran esa materia o ano pasado. Eu como xa fora ás Aulas non tiven problema en enganchar.

- Que vos achega ir ás feiras? 

Natalia: Para min xa é a terceira vez na feira de Barcelona. Levei tres proxectos. Este ano fomos 8 persoas das aulas. Permíteche coñecer xente nova e tamén é un reto, porque tes que expoñer. Ao principio dábame un pouco de vergoña pero agora xa ben. Tamén me gusta ver outros proxectos. Este ano había un no que deseñaron gafas para cegos que cando se achegan a un obstáculo vibran, e canto máis preto máis vibran.

Esther: Eu fun a dúas, cando estaba en 6º no 2015 fun a Galiciencia en Ourense, e fomos toda a clase un día nada máis. Ésta é a segunda, e ao ser 3 días na hora de comer podes coñecer outra xente, ver outros proxectos, por exemplo un que creo que era galego dun invernadoiro que regaba con auga do mar.

Uxía: Este ano vin un proxecto que me encantou que estaba tamén na nosa categoría. Era para recuperar un lagarto nunha serra na Comunidade Valenciana, colaborando co Oceanográfico. Estudaron as larvas dese animal, estaba moi ben.

Lucía: Encantoume a experiencia en Barcelona. Era a miña primeira feira, e coñecín xente, fixen amigos, paseino moi ben expoñendo o noso proxecto. Agora a ver se imos a Cambre e a Galiciencia, a ver se nos collen para seguir avanzando.

- Que vos din os vosos pais e nais dos proxectos que facedes?

Lucía: Gústalles moito que dedique o meu tempo a isto e non a ver vídeos e que aprenda e que me valla para o colexio. 

Uxía: Interésanse moito e están contentos porque eu aprenda e que o pase ben. Quédalles un pouco lonxe ese tema, pero voulles explicando.

Esther: Eu tento explicarlles os proxectos pero cústame moito porque eles non sempre o entenden. Aínda así sempre me din: "Vas moi ben" e apóianme. Dinme: "Sen traballo non vai o proxecto adiante, pero tampouco hai que despistarse do traballo de colexio".

Natalia: Eu fágoo fácil de explicar para eles. Saben que a min me gusta e que ao ir as aulas vou aprender máis.

- Que vos gustaría facer con toda esta aprendizaxe? Que oportunidades lle vedes?

Uxía: A min gustaríame estudar algo de ciencias, pero é compatible con calquera outra cousa. No acto da inauguración da feira de Barcelona houbo unha charla dunha rapaza que estudaba Bioloxía e de pequena gustáballe debuxar e o teatro. A xente víao como algo que non estaba relacionado e ela si, porque de feito estudou Bioloxía  pero séguenlle gustando o debuxo e as artes. Non son incompatibles.

Esther: Primeiro gozalo,  e máis adiante coller pola rama de ciencias e tentar traballar en programación e cousas tecnolóxicas ou medicina.

Natalia: Quero facer unha carreira científica.

Lucía: Gustaríame moito ser  fisioterapeuta ou bióloga ou psicóloga. Gústame moito interactuar cos nenos, pero bueno, máis gustaríame ser fisioterapeuta.

- E con tanto STEM, quédavos tempo para outras cousas?

Esther: Os sábados dan para moito. Tamén bailo, toco a pandeireta e o tamboril.

Uxía: Gústame moito a lectura. 

Lucía: Estou en natación e tamén vou a baile, gaita, tamboril e pandeireta. Teño a sorte de que as actividades son todo o sábado, así pola semana estou máis centrada no cole e a finde dedícoa á música e á ciencia.

Natalia: Este ano non tanto, pero fago judo.

- Algunha outra cousiña que queirades engadir?

Lucía: Animaría ás rapazas a probar, porque é algo co que aprendes moito: serve para o colexio como me sirve a min en tecnoloxía; vale para o futuro, pásalo ben e fas amigos.

Esther: Agradecer á Fundación Pondal por esta oportunidade porque sen eles non chegariamos a esta feira.

Quedo moi agradecida por ter coñecido a estas rapazas marabillosas, Esther, Lucía, Natalia e Uxía,  ás que dá gusto escoitar.

Moitas grazas ás catro polo voso tempo e paciencia para contestar a esta entrevista e máis tendo en conta que era un período de vacacións. Parabéns por uns proxectos tan interesantes e por sabelos explicar con xeito e ilusión. Que os vosos soños se cumpran e que sigades colleitando éxitos! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario