xoves, 4 de abril de 2019

Apuntamentos visuais (III)

Aínda que hai tempo que non paso pola bitácora para falar de apuntamentos visuais, seguimos niso e vou subindo os resumos que fago de charlas, eventos ou documentais ao Twitter co cancelo #apuntamentosvisuais. Mantéñome na miña preferencia polas ferramentas analóxicas, pero continúo experimentando coas dixitais, sobre todo co Sketchbook que no seu día me recomendara o compañeiro Jesús García.

 

Segue sendo gratuíto pero agora require o rexistro en Autodesk. No apartado de "Educación" indican que:

Creemos en la educación. Si es estudiante, profesor o una institución educativa, podrá obtener todo el potencial de SketchBook for Enterprise de forma gratuita durante tres años. Disponible para la mayoría de plataformas y dispositivos.
Así que durante tres anos temos esa opción. O certo é que os apuntamentos feitos en dixital ofrecen a posibilidade de editar e mellorar moito a calidade do produto final e non cómpre dominar a ferramenta de xeito avanzado para facer algo aceptable. A non ser que un/ha estea facendo "graphic recording" en directo, sempre podemos traballar nunha versión previa que logo podemos perfeccionar e enriquecer con máis tempo a posteriori.

Mellorar os apuntamentos é algo que fan (e aconsellan) a maioría dos sketchnoters, coma Rob Dimeo. En Essentially Elastic  (blog moi recomendable,  por certo) describe a súa experiencia tomando apuntamentos visuais de charlas científicas e indica a importancia de refinar as notas despois da conferencia e antes de compartilas.

Neste sentido, deixo un pequeno videotitorial cun par conselliños básicos que nos poden resultar útiles:
  • Engadir capas pode ser interesante. Descubrino por accidente, como adoita pasar nestes casos que un vai fedellando na aplicación e vendo as súas posibilidades. Aínda que aquí se explica en detalle, en definitiva o que permite é que engadamos imaxes; guías (liñas ou círculos) para escribir o noso texto; ou mesmo as sombras e detalles dos debuxos e letras sen alterar para nada a capa que contén o noso borrador orixinal. Non hai que esquecer, iso si, en que capa estamos en cada momento, e empregar a icona do candadiño para pechar as que non queremos modificar.
  • Trazar os contornos dun retrato tamén nos pode vir moi ben. Engadimos unha nova capa cunha fotografía e simplemente perfilamos os trazos básicos. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario