luns, 9 de abril de 2018

CEIP Frións: Os selos van á escola (e saen dela!)

Os selos ofrecen un gran potencial como ferramenta didáctica. Teñen un deseño e formato atractivos, que nos recordan aos cromos ou tarxetas que coleccionabamos de pequenos/as. Ademais, o seu contido é rico e variado e permítenos afondar en áreas como a historia, a xeografía, as matemáticas, a arte ou outras linguas. 

No  CEIP Frións sábeno e por iso desde o 2015 integran o Postcrossing nos seus proxectos educativos de centro así como o intercambio directo de postais con centros no estranxeiro. O seu director, Luís Teira, é *postaleiro tamén, e de feito está entre os usuarios máis activos en España. Este interese a nivel persoal e como institución vén de tomar corpo nunha nova iniciativa que tivo lugar a pasada semana, do 3 ao 6 de abril: unha exposición de selos, obradoiros filatélicos e entrega de premios ao alumnado participante no concurso para deseñar un selo.

O debuxo gañador, elixido por un xurado designado polo colexio, foi o de Brais Mariño Silva, alumno de 4º curso, que representou a escultura O Polbeiro de Castiñeiras, todo un emblema da súa vila e unha homenaxe a un oficio que é parte do noso patrimonio cultural inmaterial. Segundo Geni, a nai de Brais, a el encántalle debuxar e fixo varias probas, pero finalmente decantouse por esta figura tan familiar para calquera que pasee por Castiñeiras. Despois traballou nos detalles do fondo: as cores do amencer e as gaivotas. Desde que soubo que era o gañador, estaba desexando recibir o premio e ver o seu debuxo no selo de tarifa A. Ata as vacacións de Semana Santa se lle fixeron longas, tal era a expectación!

Os obradoiros filatélicos foron impartidos por Juan Carlos, monitor da Federación Española de Sociedades Filatélicas.  Na sesión, revisou co alumnado un pouquiño da historia dos selos, algunhas curiosidades e cuestións prácticas como a importancia de escribir ben a dirección ou de selar ben a carta/postal. O momento máis emocionante foi cando recibiron uns cantos selos para poder iniciar a súa colección e un sobre cos catro selos do CEIP Frións para enviar á súa casa. 

Os selos foron á escola, na forma deses obradoiros e dos paneis explicativos onde se falaba do xeito en que se transportou o correo ao longo da historia (pombas, cans, en microfilm, zeppelin, globo, submarino, planeadora)  e se presentaba toda a tipoloxía de selos: de diferentes materiais, con diferentes formas xeométricas, con aroma e sabor a chocolate, bordados en tea, con cristais, sementes, troquelado, relevo, realidade aumentada ou códigos QR. Deixaron pegada nos rapaces e rapazas e chegaron para quedar. Só a modo de anécdota, Brais recibiu como regalo un selo de Han Solo e un adulto comentou que era 3D. Un rapaz de cuarto comentou: "Bueno, máis ben holográfico".  

E tamén saíron da escola, non só a través dos catro selos do CEIP Frións que enviaron ás súas casas e que andan tamén polo mundo adiante, senón tamén nesas conversas que de seguro xurdiron nas familias a raíz dos debuxos feitos, dos obradoiros e da visita á exposición.

Agora resta seguir co traballo, tanto no centro educativo como nas casas, para que esta fermosa iniciativa teña continuidade. Seguirémoslles a pista, e animávosvos a que valoredes a posibilidade de integrar o Postcrossing ou o traballo con selos nas vosas propias aulas. 

De seguido déixovos un video-resumo da xornada e un feixe de recursos que vos poden dar ideas. Agradezo enormemente a Luís Teira a invitación ao evento e a oportunidade de asistir ao obradoiro. Soño con ese momento no que un destes nenos, dentro de dez ou quince anos, nunha conversa con amigos diga: "Jo, pois sabes o que é surrealista, eu recibín unha carta antes ca un WhatsApp".


  • Nova en El Correo Gallego (7/4/2018)
  • Nova en La Voz de Galicia (5/4/2018)
  • Nova en El Correo Gallego (1/4/2018)
  • Reflexión de dous profesores canadenses sobre o emprego dos selos para ensinar temas de ciencias sociais 
  • Proxecto no Canadá
  • Proxecto en EEUU "Put a Stamp On History!" e ligazóns a recursos de utilidade para a aula 
  • Outro proxecto en EEUU dunha bibliotecaria cun grupo de alumnos de 5º curso 
  • Proxecto en India 
  • Programa para centros de primaria e secundaria en Reino Unido, Stamps in Schools, patrocinado por The Postal Museum
  • Entradas na miña outra bitácora falando de selos 

Ningún comentario:

Publicar un comentario