O soño de surcar os ceos vén de vello. Os irmáns Wright, Amelia Earhart, Charles Lindbergh, Jesse Brown ou Aviador Piñeiro son personaxes que nos seducen porque coma eles, todos/as imaxinamos a gratificación de poder voar e quizais mesmo fixemos, a modo de makers prematuros, máquinas voadoras con caixiñas de mistos, envases baleiros ou follas de papel.
As inesquecibles naves espaciais da infancia |
Hoxe en día o magnetismo dos obxectos voadores segue presente e fascínanos avistar un dron sobrevoando as nosas cabezas. Xa se empregan para moitas tarefas de recoñecemento e busca, en agricultura de precisión ou outras que nós non queremos ou non podemos realizar por seren perigosas: control de lumes, axuda en zonas de guerra ou afectadas por desastres naturais ou manipulación de materiais nocivos e contaminantes. Poden levar cámaras e/ou sensores e hai modelos moi potentes e con grandes posibilidades, coma o Zephyr. O Qinetiq Zephyr, de feito, ten o récord de voo sen repostaxe nin tripulación: 336 horas, 22 minutos e 8 segundos.
Na escola tamén temos posibilidades de emprego dos drons e antes de lanzarnos a mercalos cómpre explorar unha serie de campos: as posibilidades didácticas que ofrecen, o seu manexo, e a lexislación existente ao respecto.
No referente ás aplicacións didácticas, hai alumnos/as que xa os teñen e os empregan. Aprenden a manexalos en actividades extraescolares ou ben de xeito autónomo. Como mostra, no I Congreso Escolar pola Igualdade, organizado polo IES Maruxa Mallo de Ordes (do que vos falei nesta entrada) tivemos a oportunidade de ver un vídeo que fixo un alumno, Lucas Morán Pin. O que el fixo foi gravar co seu dron unha performance, o proceso de creación da escultura con motivo do paro feminista do 8 de marzo.
E nós? Como podemos usar drons na nosa práctica docente? Hai exemplos de traballo co alumnado na gravación dun vídeo ou recollida de imaxes que sirvan como base e inspiración dun exercicio de expresión escrita na aula de linguas. Ou ben en educación física para facer unha gravación dos movementos e accións durante un partido para logo analizar e ver como mellorar a estratexia. Na clase de ciencias ou bioloxía para facer un estudo e monitorización da fauna e/ou flora da zona. En xeografía e historia para observar unha zona onde estean facendo excavacións ou para ver a estrutura global dun castro. Ou deseñar, construír ou reparar un dron na aula de tecnoloxía.
Todas estas serían actividades puntuais, mais o ideal sería integrar o seu uso dentro dun proxecto, por exemplo dentro dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada en retos. Algúns dos drons que se están a vender en EEUU veñen xa cuns kits ou cunhas tarxetas que proporcionan o vocabulario e destrezas básicas, levan unhas instrucións de seguridade e marcan un desafío STEM que vai subindo en complexidade en termos das habilidades mentais que hai que poñer en práctica (as famosas HOTS and LOTS de Lorin Anderson).
Os modelos existentes no mercado varían, e está ben botar unha ollada aos parámetros que hai que ter en conta á hora de mercar un, coma as idades mínimas de uso, cuestións de seguridade, reparación e personalización, etc. Esta táboa pódenos resultar de interese.
Para afondar un pouco na dronótica e nos outros dous aspectos que indicabamos (manexo e lexislación aplicable), teño ganas de asistir ao laboratorio de ideas e o obradoiro de Educación Dixital que terá lugar a vindeira semana no Palacio de Congresos e Exposicións en Santiago de Compostela.
Os drons que empregaremos (Syma X5C) |
Jorge García Caamaño, de TeLoCrea, achegaranos aos métodos existentes para construír un dron á medida da súa funcionalidade tendo en conta os recursos dispoñibles, coa idea de construír prototipos aéreos e insertarlle dispositivos robóticos (cámaras, sensores, etc). Presentará e aclarará cuestións de leislación e características técnicas. Falará de fotogrametría, aplicacións audiovisuais, drons submarinos, montaxe e desmontaxe e, por suposto, iniciaranos nas maniobras aéreas.
Jorge comezou a explorar o mundo dos drons porque lle interesa o sector das máquinas e tamén a formación e o emprendemento. Ten unha ampla experiencia ensinando a traballar con drons e recordábanos que, coma con todas as destrezas, manexar un dron require as súas horas de aprendizaxe e práctica. A modo de exemplo, indicaba que hai catro anos impartiu un obradoiro de emprego de 80 horas na Mancomunidade do Salnés e ao seu remate, o alumnado solicitou unha ampliación de 20 horas. Jorge dá cursos maiormente a alumnado de secundaria, aínda que ás veces tamén a primaria, a través de obradoiros de actividades extraescolares ou campamentos tecnolóxicos de verán en Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Meaño e Vilanova.
O dito. Con moitas ganas de explorar da súa man as aplicacións didácticas destes aparellos que son moito máis ca un xoguete.
- 5 propostas de uso de drons en educación
- 8 ideas para integrar os drons
- 10 usos de drons na educación secundaria
- Artigo da BBC sobre o uso de drons para traballar con linguaxe de programación en Reino Unido (27/1/2017)
- Competición escolar de deseño, construción e manexo de drons (Atlanta, 18/8/2017)
- Libro Drones in Education (2016)
- Dronepedia
Ningún comentario:
Publicar un comentario