Amosando publicacións coa etiqueta Jorge García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jorge García. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de maio de 2018

Xornada de Educación Dixital

O 21 de abril tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago o evento "Educación Dixital", unha xornada de formación para docentes de diversos niveis educativos que tiña como obxectivos intercambiar experiencias e boas prácticas con tecnoloxía dixital; impulsar e apoiar a aplicación das tecnoloxías dixitais aos procesos de ensino-aprendizaxe a reflexionar sobre as propostas metodolóxicas que contribúen a unha mellor integración das tecnoloxías na aula e nos centros educativos.


O programa incluíu relatorios, obradoiros, experiencias e laboratorios de ideas. Xa que moitos deles eran simultáneos, cada asistente tivo unha percepción e experiencia diferente da xornada dependendo da sala na que estivo. Aquí vos deixo un brevísimo resumo da miña.





Quedei coa pena de non poder ver os demais obradoiros e sobre todo as experiencias de centros que me encantaría coñecer máis de primeira man. Do que vin, lévome no estoxo varios aspectos que se destacaron na xornada:

  • Do relatorio de Deborah García Bello: a importancia de seleccionar e filtrar os contidos que atopamos na rede, así como de dotar ao noso alumnado das estratexias necesarias para facer o propio, especialmente nas redes sociais.
  • Do obradoiro de José Carlos Arranz: as posibilidades didácticas que ofrecen os xogos de fuga e o impacto que teñen na motivación. O de Chema Lázaro gustárame moito, e José Carlos coincidiu en temas como a organización de espazos, o coidado da narrativa, a secuenciación das probas, os roles de grupo, etc. Ademais, facilitounos algunhas ferramentas de interese (Deck.Toys para crear taboleiros, GeoGebra para deseñar probas ou QR Generator para crear códigos QR).
  • Do obradoiro de Clara Cordero: o xeito de integrar o traballo con sketchnoting ou pensamento visual na aula. Xa vos contei que o sketchnoting aínda o estou probando a nivel persoal, por tanto o obradoiro foime moi inspirador: Clara deu una serie de pautas e nocións teóricas de base,  algúns exemplos de actividades de aula e unha matriz de rutinas de pensamento que  podedes descargar aquí.
  • Do relatorio de Mar Castro: o coidado e mimo que temos que poñer na construción da nosa identidade dixital.
  • Da actuación de Taller Naranja Imaginario: alén das múltiples aplicacións que nos mostrou Roberto Casteleiro (Ableton, Keezy, Quizlet e Sketches entre outras) quédome coa integración da tecnoloxía que fai este grupo na súa práctica e a emoción de crear música e gozar do proceso e o traballo en equipo. Todos quedamos impresionados con esta actuación tan fermosa.
  • E finalmente, aínda que non puiden asistir ao obradoiro de Essero, si me gustou escoitar a Domingo Escutia falarnos un pouco do seu programa de formación durante a comida, así como ser testemuña das sinerxías que xurdiron cos docentes impulsores do proxecto MarumaSAT.
Para saber máis:
  • Nota de prensa sobre a xornada
  • Aula virtual cos materiais de cada relator/a
  • Web de José Carlos Arranz
  • Web de Mar Castro
  • Web de Clara Cordero
  • Blog de divulgación científica de Deborah García
  • Web de Taller Naranja Imaginario

venres, 13 de abril de 2018

Game of Drones: Exercicios de altura

O soño de surcar os ceos vén de vello. Os irmáns Wright, Amelia Earhart, Charles Lindbergh, Jesse Brown ou Aviador Piñeiro son personaxes que nos seducen porque coma eles, todos/as imaxinamos a gratificación de poder voar e quizais mesmo fixemos, a modo de makers prematuros, máquinas voadoras con caixiñas de mistos, envases baleiros ou follas de papel.

As inesquecibles naves espaciais da infancia
Hoxe en día o magnetismo dos obxectos voadores segue presente e fascínanos avistar un dron sobrevoando as nosas cabezas. Xa se empregan para moitas tarefas de recoñecemento e busca, en agricultura de precisión ou  outras que nós non queremos ou non podemos realizar por seren perigosas: control de lumes, axuda en zonas de guerra ou afectadas por desastres naturais ou manipulación de materiais nocivos e contaminantes. Poden levar cámaras e/ou sensores e hai modelos moi potentes e con grandes posibilidades, coma o Zephyr. O Qinetiq Zephyr, de feito, ten o récord de voo sen repostaxe nin tripulación: 336 horas, 22 minutos e 8 segundos.

Na escola tamén temos posibilidades de emprego dos drons e antes de lanzarnos a mercalos cómpre explorar unha serie de campos: as posibilidades didácticas que ofrecen, o seu manexo, e a lexislación existente ao respecto. 

No referente ás aplicacións didácticas, hai alumnos/as que xa os teñen e os empregan. Aprenden a manexalos en actividades extraescolares ou ben de xeito autónomo. Como mostra, no I Congreso Escolar pola Igualdade, organizado polo IES Maruxa Mallo de Ordes (do que vos falei nesta entrada) tivemos a oportunidade de ver un vídeo que fixo un alumno, Lucas Morán Pin. O que el fixo foi gravar co seu dron unha performance, o proceso de creación da escultura con motivo do paro feminista do 8 de marzo. 

E nós? Como podemos usar drons na nosa práctica docente? Hai exemplos de traballo co alumnado na gravación dun vídeo ou recollida de imaxes que sirvan como base e inspiración dun exercicio de expresión escrita na aula de linguas. Ou ben en educación física para facer unha gravación dos movementos e accións durante un partido para logo analizar e ver como mellorar a estratexia. Na clase de ciencias ou bioloxía para facer un estudo e monitorización da fauna e/ou flora da zona. En xeografía e historia para observar unha zona onde estean facendo excavacións ou para ver a estrutura global dun castro.  Ou deseñar, construír ou reparar un dron na aula de tecnoloxía.

Todas estas serían actividades puntuais, mais o ideal sería integrar o seu uso dentro dun proxecto, por exemplo dentro dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada en retos. Algúns dos drons que se están a vender en EEUU veñen xa cuns kits ou cunhas tarxetas que proporcionan o vocabulario e destrezas básicas, levan unhas instrucións de seguridade e marcan un desafío STEM que vai subindo en complexidade en termos das habilidades mentais que hai que poñer en práctica (as famosas HOTS and LOTS de Lorin Anderson). 

Os modelos existentes no mercado varían, e está ben botar unha ollada aos parámetros que hai que ter en conta á hora de mercar un, coma as idades mínimas de uso, cuestións de seguridade, reparación e personalización, etc. Esta táboa pódenos resultar de interese.

Para afondar un pouco na dronótica e nos outros dous aspectos que indicabamos (manexo e lexislación aplicable), teño ganas de asistir ao laboratorio de ideas e o obradoiro de Educación Dixital que terá lugar a vindeira semana no Palacio de Congresos e Exposicións en Santiago de Compostela. 

Os drons que empregaremos (Syma X5C)
Jorge García Caamaño, de TeLoCrea, achegaranos aos métodos existentes para construír un dron á medida da súa funcionalidade tendo en conta os recursos dispoñibles, coa idea de construír prototipos aéreos e insertarlle dispositivos robóticos (cámaras, sensores, etc). Presentará e aclarará cuestións de leislación e características técnicas. Falará de fotogrametría, aplicacións audiovisuais, drons submarinos, montaxe e desmontaxe e, por suposto,  iniciaranos nas maniobras aéreas.

Jorge comezou a explorar o mundo dos drons porque lle interesa o sector das máquinas e tamén a formación e o emprendemento. Ten unha ampla experiencia ensinando a traballar con drons e recordábanos que, coma con todas as destrezas, manexar un dron require as súas horas de aprendizaxe e práctica. A modo de exemplo, indicaba que hai catro anos impartiu un obradoiro de emprego de 80 horas na Mancomunidade do Salnés e ao seu remate, o alumnado solicitou unha ampliación de 20 horas. Jorge dá cursos maiormente a alumnado de secundaria, aínda que ás veces tamén a primaria, a través de obradoiros de actividades extraescolares ou campamentos tecnolóxicos de verán en Vilagarcía, Cambados, Sanxenxo, Meaño e Vilanova.

O dito. Con moitas ganas de explorar da súa man as aplicacións didácticas destes aparellos que son moito máis ca un xoguete.

Para saber máis: