Amosando publicacións coa etiqueta xogo de fuga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta xogo de fuga. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de maio de 2018

Xornada de Educación Dixital

O 21 de abril tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago o evento "Educación Dixital", unha xornada de formación para docentes de diversos niveis educativos que tiña como obxectivos intercambiar experiencias e boas prácticas con tecnoloxía dixital; impulsar e apoiar a aplicación das tecnoloxías dixitais aos procesos de ensino-aprendizaxe a reflexionar sobre as propostas metodolóxicas que contribúen a unha mellor integración das tecnoloxías na aula e nos centros educativos.


O programa incluíu relatorios, obradoiros, experiencias e laboratorios de ideas. Xa que moitos deles eran simultáneos, cada asistente tivo unha percepción e experiencia diferente da xornada dependendo da sala na que estivo. Aquí vos deixo un brevísimo resumo da miña.





Quedei coa pena de non poder ver os demais obradoiros e sobre todo as experiencias de centros que me encantaría coñecer máis de primeira man. Do que vin, lévome no estoxo varios aspectos que se destacaron na xornada:

  • Do relatorio de Deborah García Bello: a importancia de seleccionar e filtrar os contidos que atopamos na rede, así como de dotar ao noso alumnado das estratexias necesarias para facer o propio, especialmente nas redes sociais.
  • Do obradoiro de José Carlos Arranz: as posibilidades didácticas que ofrecen os xogos de fuga e o impacto que teñen na motivación. O de Chema Lázaro gustárame moito, e José Carlos coincidiu en temas como a organización de espazos, o coidado da narrativa, a secuenciación das probas, os roles de grupo, etc. Ademais, facilitounos algunhas ferramentas de interese (Deck.Toys para crear taboleiros, GeoGebra para deseñar probas ou QR Generator para crear códigos QR).
  • Do obradoiro de Clara Cordero: o xeito de integrar o traballo con sketchnoting ou pensamento visual na aula. Xa vos contei que o sketchnoting aínda o estou probando a nivel persoal, por tanto o obradoiro foime moi inspirador: Clara deu una serie de pautas e nocións teóricas de base,  algúns exemplos de actividades de aula e unha matriz de rutinas de pensamento que  podedes descargar aquí.
  • Do relatorio de Mar Castro: o coidado e mimo que temos que poñer na construción da nosa identidade dixital.
  • Da actuación de Taller Naranja Imaginario: alén das múltiples aplicacións que nos mostrou Roberto Casteleiro (Ableton, Keezy, Quizlet e Sketches entre outras) quédome coa integración da tecnoloxía que fai este grupo na súa práctica e a emoción de crear música e gozar do proceso e o traballo en equipo. Todos quedamos impresionados con esta actuación tan fermosa.
  • E finalmente, aínda que non puiden asistir ao obradoiro de Essero, si me gustou escoitar a Domingo Escutia falarnos un pouco do seu programa de formación durante a comida, así como ser testemuña das sinerxías que xurdiron cos docentes impulsores do proxecto MarumaSAT.
Para saber máis:
  • Nota de prensa sobre a xornada
  • Aula virtual cos materiais de cada relator/a
  • Web de José Carlos Arranz
  • Web de Mar Castro
  • Web de Clara Cordero
  • Blog de divulgación científica de Deborah García
  • Web de Taller Naranja Imaginario

luns, 16 de abril de 2018

Chema Lázaro: Xogo de fuga

O pasado 15 de abril puidemos asistir ao XI encontro InspiraTICs, organizado pola Fundación Amancio Ortega e a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. O lema desta edición era "Atención, emoción e xogo".  No blog da Plataforma Proyecta podedes atopar unha crónica detallada do evento, que tivo como protagonistas desta edición a Carola García, Jesús C. Guillén e Chema Lázaro.

Nesta fotografía que segue déixovos un breve resumo visual dos contidos e de seguido explícovos un pouco o traballo que fixemos no obradoiro de ludificación con Chema Lázaro.


Por todo o recinto había unhas follas de cores que tiñan como finalidade espertar o noso interese na intersección entre a neurociencia, os procesos de aprendizaxe a ludificación.


Primeiro, antes dos obradoiros, fixo unha breve exposición duns 10 minutos das bases teóricas explorando tipos de xogadores/as, dinámicas, mecánicas e compoñentes, así como diferenzas entre ABX (aprendizaxe baseada no xogo), xogo e ludificación.

Logo chegou o momento da práctica. Ao chegar á sala, onde as cadeiras estaban dispostas en círculos, Chema deunos unhas breves instrucións: ir resolvendo as probas que había dentro dos sobres para atopar o código que abrise a caixiña que tiñamos no medio do círculo. Unha vez que tiveramos ese código, poderiamos abrir o cofre do gran tesouro, que estaba no centro da sala. 


Enriba das cadeiras deixáranos material: unha cartilla de xogo para ir anotando os resultados das cinco pistas e notas de supervivencia; e outro pack con pautas para deseñar o noso propio xogo de fuga (breakout edu).


No chan tiñamos tamén os sobres coas pistas e probas e a caixiña que tiñamos que abrir. Despois do pistoletazo de saída, todos/as nos puxemos a tratar de resolver os enigmas de dificultade variada que tiñan como elemento común a temática (os contidos expostos por Chema naqueles 10 minutos intensos). Traballamos en parellas case naturalmente dentro de cada equipo poñendo as habilidades individuais ao servizo do grupo.




Nun momento determinado indicounos que el non establecera como regla do xogo que non se puidese colaborar cos outros equipos, así que aló fomos preguntar e poñer en común. A dinámica foi divertida, motivadora, competitiva e esixente. Fíxonos comprender a necesidade de prestar atención e colaborar  como equipo (e como gran grupo) sen depender en demasía do profesor; así como de poñer en funcionamento destrezas coma a lóxica, o cálculo e a comprensión e expresión oral.

Unha vez que rematamos, invitounos a reflexionar en todos os aspectos que presentara inicialmente: as mecánicas e dinámicas do xogo, os tipos de xogadores, o coidado do espazo e os tempos, a necesidade de dar pistas cando o alumnado se "atasca" nunha pregunta e, por suposto, a importancia dunha narrativa que fíe toda a actividade.

Encantoume o xeito de formular o obradoiro, moi práctico pero con esa reflexión final de todo o proceso. A maiores, o material que nos deu para deseñar o noso propio xogo de fuga é moi interesante e completo. Parte da análise do público obxectivo, seguindo pola exploración doutros xogos de fuga, a redacción da narrativa, a presentación da experiencia, o establecemento de reglas, o deseño do fluxo do xogo, un índice cos obxectos necesarios, a orde dos pasos e a avaliación da experiencia e a aprendizaxe.

Fotografía tomada de Plataforma Proyecta
Para saber máis:
  • Documento con recursos sobre xogos de fuga proporcionado por Chema Lázaro
  • Documento con ligazóns a artigos sobre neuroeducación proporcionado por Jesús C. Guillén
  • Modelo para a creación dun Breakout Edu (en inglés)
  • Unha presentación-resumo de Ana María Martínez, María Fernández e Montse Poyatos (grazas, Nacho Rodiño, pola ligazón!)
  • Un xogo de fuga sobre process writing que deseñei xunto con Dolores Olveira
  • A entrada de blog explicando como se integrou ese xogo de fuga nun obradoiro para profesorado de inglés