O 21 de abril tivo lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago o evento "Educación Dixital", unha xornada de formación para docentes de diversos niveis educativos que tiña como obxectivos intercambiar experiencias e boas prácticas con tecnoloxía dixital; impulsar e apoiar a aplicación das tecnoloxías dixitais aos procesos de ensino-aprendizaxe a reflexionar sobre as propostas metodolóxicas que contribúen a unha mellor integración das tecnoloxías na aula e nos centros educativos.
O programa incluíu relatorios, obradoiros, experiencias e laboratorios de ideas. Xa que moitos deles eran simultáneos, cada asistente tivo unha percepción e experiencia diferente da xornada dependendo da sala na que estivo. Aquí vos deixo un brevísimo resumo da miña.
Quedei coa pena de non poder ver os demais obradoiros e sobre todo as experiencias de centros que me encantaría coñecer máis de primeira man. Do que vin, lévome no estoxo varios aspectos que se destacaron na xornada:
- Do relatorio de Deborah García Bello: a importancia de seleccionar e filtrar os contidos que atopamos na rede, así como de dotar ao noso alumnado das estratexias necesarias para facer o propio, especialmente nas redes sociais.
- Do obradoiro de José Carlos Arranz: as posibilidades didácticas que ofrecen os xogos de fuga e o impacto que teñen na motivación. O de Chema Lázaro gustárame moito, e José Carlos coincidiu en temas como a organización de espazos, o coidado da narrativa, a secuenciación das probas, os roles de grupo, etc. Ademais, facilitounos algunhas ferramentas de interese (Deck.Toys para crear taboleiros, GeoGebra para deseñar probas ou QR Generator para crear códigos QR).
- Do obradoiro de Clara Cordero: o xeito de integrar o traballo con sketchnoting ou pensamento visual na aula. Xa vos contei que o sketchnoting aínda o estou probando a nivel persoal, por tanto o obradoiro foime moi inspirador: Clara deu una serie de pautas e nocións teóricas de base, algúns exemplos de actividades de aula e unha matriz de rutinas de pensamento que podedes descargar aquí.
- Do relatorio de Mar Castro: o coidado e mimo que temos que poñer na construción da nosa identidade dixital.
- Da actuación de Taller Naranja Imaginario: alén das múltiples aplicacións que nos mostrou Roberto Casteleiro (Ableton, Keezy, Quizlet e Sketches entre outras) quédome coa integración da tecnoloxía que fai este grupo na súa práctica e a emoción de crear música e gozar do proceso e o traballo en equipo. Todos quedamos impresionados con esta actuación tan fermosa.
- E finalmente, aínda que non puiden asistir ao obradoiro de Essero, si me gustou escoitar a Domingo Escutia falarnos un pouco do seu programa de formación durante a comida, así como ser testemuña das sinerxías que xurdiron cos docentes impulsores do proxecto MarumaSAT.
Para saber máis:
- Nota de prensa sobre a xornada
- Aula virtual cos materiais de cada relator/a
- Web de José Carlos Arranz
- Web de Mar Castro
- Web de Clara Cordero
- Blog de divulgación científica de Deborah García
- Web de Taller Naranja Imaginario