Amosando publicacións coa etiqueta Postcrossing. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Postcrossing. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de outubro de 2018

Iniciándonos ao Postcrossing no noso centro educativo

Algo vos falei do Postcrossing nesta anterior entrada, a conto da exposición filatélica que organizaron no CEIP Frións. Houbo profes que me pediron máis información sobre como comezar co Postcrossing na aula ou como darlle unha dimensión maior e facer del un proxecto educativo. 

Con este fin, fixen este pequeno manual que non vén sendo máis que un breve resumo da información que se dá na propia páxina de Postcrossing e algunhas directrices que creo que poden resultar útiles -ou a min servíronme. 




O bo do Postcrossing é que pode constituír un proxecto tan pequeniño ou tan grande como nós queiramos. Como proxecto de centro é estupendo porque é moi fácil integrar todas as disciplinas segundo o aspecto en que nos centremos (os selos, a dimensión lingüística e comunicativa, a xeografía e historia, etc). Polo feito de intercambiar postais non quere dicir que teñamos que limitarnos á comunicación escrita, sempre se pode incluír un código QR cunha ligazón a un vídeo ou un audio no que o alumnado explica algún aspecto, canta unha canción ou dramatiza un episodio histórico; ou facer unha sesión de Skype con outra escola para ter unha conversa en inglés. 

O mesmo ocorre coas TIC. As postais son "dispositivos analóxicos", porén, podemos crear un Thinglink coa mesma postal e incluír contidos interactivos, ou engadirlle un aura, por dar só un par de exemplos.  Tamén se pode formular como un proxecto eTwinning, e empregar os foros de comunicación da propia plataforma para atopar socios ou darlle difusión ás actividades que facemos.

Empreguei Postcrossing na aula sempre dun xeito ou outro (con escritura de postais, cadernos viaxeiros, etc) e foi o xermolo do blog Palabras da man ao corazón, un proxecto no que participamos centros educativos de varios niveis e formatos (infantil, primaria, secundaria, EOI e homeschooling). Estou encantada de falar do Postcrossing con alumnado e profesorado, pois creo no proxecto a nivel educativo pero tamén persoal. Esa #snailmailrevolution xa está en marcha e os 744.988 membros (a data de hoxe) de Postcrossing dan fe diso.

A maiores, déixovos aquí unha breve guía e unha infografía que elaborei este ano a petición de varias persoas  e que traducín tamén ao inglés e ao castelán, por se vos fosen de utilidade.





luns, 9 de abril de 2018

CEIP Frións: Os selos van á escola (e saen dela!)

Os selos ofrecen un gran potencial como ferramenta didáctica. Teñen un deseño e formato atractivos, que nos recordan aos cromos ou tarxetas que coleccionabamos de pequenos/as. Ademais, o seu contido é rico e variado e permítenos afondar en áreas como a historia, a xeografía, as matemáticas, a arte ou outras linguas. 

No  CEIP Frións sábeno e por iso desde o 2015 integran o Postcrossing nos seus proxectos educativos de centro así como o intercambio directo de postais con centros no estranxeiro. O seu director, Luís Teira, é *postaleiro tamén, e de feito está entre os usuarios máis activos en España. Este interese a nivel persoal e como institución vén de tomar corpo nunha nova iniciativa que tivo lugar a pasada semana, do 3 ao 6 de abril: unha exposición de selos, obradoiros filatélicos e entrega de premios ao alumnado participante no concurso para deseñar un selo.

O debuxo gañador, elixido por un xurado designado polo colexio, foi o de Brais Mariño Silva, alumno de 4º curso, que representou a escultura O Polbeiro de Castiñeiras, todo un emblema da súa vila e unha homenaxe a un oficio que é parte do noso patrimonio cultural inmaterial. Segundo Geni, a nai de Brais, a el encántalle debuxar e fixo varias probas, pero finalmente decantouse por esta figura tan familiar para calquera que pasee por Castiñeiras. Despois traballou nos detalles do fondo: as cores do amencer e as gaivotas. Desde que soubo que era o gañador, estaba desexando recibir o premio e ver o seu debuxo no selo de tarifa A. Ata as vacacións de Semana Santa se lle fixeron longas, tal era a expectación!

Os obradoiros filatélicos foron impartidos por Juan Carlos, monitor da Federación Española de Sociedades Filatélicas.  Na sesión, revisou co alumnado un pouquiño da historia dos selos, algunhas curiosidades e cuestións prácticas como a importancia de escribir ben a dirección ou de selar ben a carta/postal. O momento máis emocionante foi cando recibiron uns cantos selos para poder iniciar a súa colección e un sobre cos catro selos do CEIP Frións para enviar á súa casa. 

Os selos foron á escola, na forma deses obradoiros e dos paneis explicativos onde se falaba do xeito en que se transportou o correo ao longo da historia (pombas, cans, en microfilm, zeppelin, globo, submarino, planeadora)  e se presentaba toda a tipoloxía de selos: de diferentes materiais, con diferentes formas xeométricas, con aroma e sabor a chocolate, bordados en tea, con cristais, sementes, troquelado, relevo, realidade aumentada ou códigos QR. Deixaron pegada nos rapaces e rapazas e chegaron para quedar. Só a modo de anécdota, Brais recibiu como regalo un selo de Han Solo e un adulto comentou que era 3D. Un rapaz de cuarto comentou: "Bueno, máis ben holográfico".  

E tamén saíron da escola, non só a través dos catro selos do CEIP Frións que enviaron ás súas casas e que andan tamén polo mundo adiante, senón tamén nesas conversas que de seguro xurdiron nas familias a raíz dos debuxos feitos, dos obradoiros e da visita á exposición.

Agora resta seguir co traballo, tanto no centro educativo como nas casas, para que esta fermosa iniciativa teña continuidade. Seguirémoslles a pista, e animávosvos a que valoredes a posibilidade de integrar o Postcrossing ou o traballo con selos nas vosas propias aulas. 

De seguido déixovos un video-resumo da xornada e un feixe de recursos que vos poden dar ideas. Agradezo enormemente a Luís Teira a invitación ao evento e a oportunidade de asistir ao obradoiro. Soño con ese momento no que un destes nenos, dentro de dez ou quince anos, nunha conversa con amigos diga: "Jo, pois sabes o que é surrealista, eu recibín unha carta antes ca un WhatsApp".


  • Nova en El Correo Gallego (7/4/2018)
  • Nova en La Voz de Galicia (5/4/2018)
  • Nova en El Correo Gallego (1/4/2018)
  • Reflexión de dous profesores canadenses sobre o emprego dos selos para ensinar temas de ciencias sociais 
  • Proxecto no Canadá
  • Proxecto en EEUU "Put a Stamp On History!" e ligazóns a recursos de utilidade para a aula 
  • Outro proxecto en EEUU dunha bibliotecaria cun grupo de alumnos de 5º curso 
  • Proxecto en India 
  • Programa para centros de primaria e secundaria en Reino Unido, Stamps in Schools, patrocinado por The Postal Museum
  • Entradas na miña outra bitácora falando de selos