Algo vos falei do Postcrossing nesta anterior entrada, a conto da exposición filatélica que organizaron no CEIP Frións. Houbo profes que me pediron máis información sobre como comezar co Postcrossing na aula ou como darlle unha dimensión maior e facer del un proxecto educativo.
Con este fin, fixen este pequeno manual que non vén sendo máis que un breve resumo da información que se dá na propia páxina de Postcrossing e algunhas directrices que creo que poden resultar útiles -ou a min servíronme.
O bo do Postcrossing é que pode constituír un proxecto tan pequeniño ou tan grande como nós queiramos. Como proxecto de centro é estupendo porque é moi fácil integrar todas as disciplinas segundo o aspecto en que nos centremos (os selos, a dimensión lingüística e comunicativa, a xeografía e historia, etc). Polo feito de intercambiar postais non quere dicir que teñamos que limitarnos á comunicación escrita, sempre se pode incluír un código QR cunha ligazón a un vídeo ou un audio no que o alumnado explica algún aspecto, canta unha canción ou dramatiza un episodio histórico; ou facer unha sesión de Skype con outra escola para ter unha conversa en inglés.
O mesmo ocorre coas TIC. As postais son "dispositivos analóxicos", porén, podemos crear un Thinglink coa mesma postal e incluír contidos interactivos, ou engadirlle un aura, por dar só un par de exemplos. Tamén se pode formular como un proxecto eTwinning, e empregar os foros de comunicación da propia plataforma para atopar socios ou darlle difusión ás actividades que facemos.
Empreguei Postcrossing na aula sempre dun xeito ou outro (con escritura de postais, cadernos viaxeiros, etc) e foi o xermolo do blog Palabras da man ao corazón, un proxecto no que participamos centros educativos de varios niveis e formatos (infantil, primaria, secundaria, EOI e homeschooling). Estou encantada de falar do Postcrossing con alumnado e profesorado, pois creo no proxecto a nivel educativo pero tamén persoal. Esa #snailmailrevolution xa está en marcha e os 744.988 membros (a data de hoxe) de Postcrossing dan fe diso.
A maiores, déixovos aquí unha breve guía e unha infografía que elaborei este ano a petición de varias persoas e que traducín tamén ao inglés e ao castelán, por se vos fosen de utilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario