venres, 26 de abril de 2019

Pensamento visual (I)

Estou a facer un curso presencial que é un soño feito realidade: S1801076 - Pensamento visual (visual thinking) como estratexia de aprendizaxe. Consta de 15 horas presenciais -divididas en 5 sesións intensas de 3 horas ou 3 e media cada unha- e 5 horas de traballo na Rede.

Digo que é un soño feito realidade porque me interesa moito a temática, ando a explorala desde hai pouco máis dun ano (algo contei por aquí) e aparte do que se me vai ocorrendo para levar á aula, encántame a nivel persoal e gozo deste xeito de tomar apuntamentos nos cadernos que sempre me acompañan. Alén disto, as persoas relatoras son un engado, porque as tres, Garbiñe Larralde, Clara Cordero e María Pereiro son referentes para min e aprendo moito delas polo que van compartindo nas redes (tanto dos recursos como do seu xeito de facer os mapas visuais).


As dúas primeiras sesións con Garbiñe Larralde estiveron moi ben estruturadas e gustoume moito a maneira en que traballamos. Organizounas de tal xeito que na primeira parte facía un pequeno quecemento / introdución aos aspectos a tratar; logo aprendemos facendo, experimentando (ben en grupos, ben individualmente) e por último convidounos a facer un exercicio de metacognición incitando á reflexión.

Obviamente, unha cousa é vivenciar a sesión, experimentar o traballo en grupo e interactuar cos compañeiros, e outra deixar constancia desa aprendizaxe por escrito, pero de seguido tento recoller aqueles aspectos que a min me resultaron de especial utilidade.

  • Indo ás orixes do pensamento visual, foi moi interesante o repaso histórico retrocedendo á cova de Armintxe, á columna de Trajano, ás vidreiras góticas, ou os cadernos de Da Vinci; así coma a exploración do cruce con outras disciplinas como o cine (storyboards), a literatura (cómic) ou a arte (graffiti). En España, Garbiñe comentounos que No me cuentes historias... ¡dibújamelas! foi un proxecto pioneiro o dela e de Ramón Besonías
  • Gustoume o énfase que Garbiñe puxo na definición do pensamento visual a través do que NON é:
    • "Non é unha metodoloxía, é unha ferramenta"
    • "Non é arte"
    • "Non é tampouco traducir cada palabra nun debuxiño"
  • Foi moi gratificante desconectar de Dona Renacemento e esa obsesión con facer todo perfecto e colocarnos en "modo avión", debuxando ao revés, podendo calcar, copiar e tunear. De feito, non nos fixo nin a primeira apreciación ao respecto da calidade ou comprensibilidade dos nosos "debuxos".
  • Traballamos a organización, o equilibrio entre texto e imaxe, a capacidade de síntese e a poética. Todas as tarefas ían encamiñadas a unha mellora e perfeccionamento de prototipos sucesivos que fomos facendo nun proceso pautado de pensamento de deseño (design thinking). O traballo foi maiormente autónomo da persoa ou do grupo, con Garbiñe guiándonos ou reconducindo cando compría e tamén recordándonos que "Si tu primer prototipo no te da vergüenza, es que has trabajado demasiado en él".
  • A avaliación  foi constante, ben a través de dianas ou  de reflexións individuais ou conxuntas, implícitas (Logramos recoller as ideas principais? Hai equilibirio entre imaxe e texto? Faise un uso variado e equilibrado dos elementos? Seguen unha dirección lóxica?) ou explícitas (Dámonos conta de que a avaliación é un exercicio de poder? Se aprendemos do erro, por que temos tanto medo a equivocarnos? Temos clara a diferencia entre avaliar e calificar?). 
  • Encántame a humildade de Garbiñe, unha profesional que nos ensina a apreciar o proceso, o feito de que estamos en continuo crecemento, que todo é mellorable, pero tamén hai que saber parar e dar un traballo por pechado.
"Tu mejor maestro es tu último error"


"El dibujo es casi una coreografía. El escenario es nuestra hoja de papel"
Estou desexando continuar coas sesións con Clara e María, xa vos irei contando, pero mentres tanto, déixovos estes recursos para investigar máis:

xoves, 4 de abril de 2019

Apuntamentos visuais (III)

Aínda que hai tempo que non paso pola bitácora para falar de apuntamentos visuais, seguimos niso e vou subindo os resumos que fago de charlas, eventos ou documentais ao Twitter co cancelo #apuntamentosvisuais. Mantéñome na miña preferencia polas ferramentas analóxicas, pero continúo experimentando coas dixitais, sobre todo co Sketchbook que no seu día me recomendara o compañeiro Jesús García.

 

Segue sendo gratuíto pero agora require o rexistro en Autodesk. No apartado de "Educación" indican que:

Creemos en la educación. Si es estudiante, profesor o una institución educativa, podrá obtener todo el potencial de SketchBook for Enterprise de forma gratuita durante tres años. Disponible para la mayoría de plataformas y dispositivos.
Así que durante tres anos temos esa opción. O certo é que os apuntamentos feitos en dixital ofrecen a posibilidade de editar e mellorar moito a calidade do produto final e non cómpre dominar a ferramenta de xeito avanzado para facer algo aceptable. A non ser que un/ha estea facendo "graphic recording" en directo, sempre podemos traballar nunha versión previa que logo podemos perfeccionar e enriquecer con máis tempo a posteriori.

Mellorar os apuntamentos é algo que fan (e aconsellan) a maioría dos sketchnoters, coma Rob Dimeo. En Essentially Elastic  (blog moi recomendable,  por certo) describe a súa experiencia tomando apuntamentos visuais de charlas científicas e indica a importancia de refinar as notas despois da conferencia e antes de compartilas.

Neste sentido, deixo un pequeno videotitorial cun par conselliños básicos que nos poden resultar útiles:
  • Engadir capas pode ser interesante. Descubrino por accidente, como adoita pasar nestes casos que un vai fedellando na aplicación e vendo as súas posibilidades. Aínda que aquí se explica en detalle, en definitiva o que permite é que engadamos imaxes; guías (liñas ou círculos) para escribir o noso texto; ou mesmo as sombras e detalles dos debuxos e letras sen alterar para nada a capa que contén o noso borrador orixinal. Non hai que esquecer, iso si, en que capa estamos en cada momento, e empregar a icona do candadiño para pechar as que non queremos modificar.
  • Trazar os contornos dun retrato tamén nos pode vir moi ben. Engadimos unha nova capa cunha fotografía e simplemente perfilamos os trazos básicos.