O 26 de xullo de 2019 os equipos directivos das EOI de Galicia recibiron un correo cunha proposta inicial na liña dun proxecto Erasmus Plus KA104 conxunto entre todas as EOI galegas e o CAFI ao fío da aprendizaxe mixta (blended learning). Os obxectivos eran conformar unha comunidade de aprendizaxe para acordarmos a tipoloxía de cursos, a dinamización dos mesmos, e a integración coa parte presencial.
A partires de setembro comezamos a traballar entre todas na redacción do proxecto SBLENDID (“Escuelas que usan el aprendizaje mixto para dialogar sobre pedagogías interrelacionadas”) e resultou aprobado cunha excelente valoración (primeiro lugar a nivel nacional). Pouco imaxinábamos a relevancia que ía tomar dado o interese nesta modalidade de ensino como resultado da pandemia da Covid-19 (febreiro 2020) e tamén da súa actual implementación en catro Escolas Oficiais de Idiomas galegas durante o presente curso 2020-21.
Os proxectos Erasmus+ están a ser reformulados como consecuencia das restricións da mobilidade. Non é posible, de momento, ir ao estranxeiro facermos cursos estruturados ou mobilidades de observación de centros educativos. Porén, si podemos facer cursos en "mobilidades virtuais" e, no noso caso, somos afortunados polas capacidades do CAFI como entidade de formación para poder levarmos a cabo outras actividades, como a formación en formato aberto a través de webinarios.
A primeira mobilidade que fixemos, organizada e acordada con compañeiras da EOI de Murcia, EOI de Alcalá e EOI de Pamplona foi impartida por Russell Stannard, de NILE. Tivo lugar no mes de decembro (5 días, do 14 ao 18), e nela participamos nove docentes galegas. Centrouse en aspectos avanzados da integración de contidos presenciais e traballo na Rede. Este curso equilibrou os aspectos do ensino semipresencial e proporcionou a oportunidade de elaborar prototipos e recibir feedback e avaliación dos mesmos.
O programa detallado das actividades que realizamos nesas datas foi o seguinte:
Ensino semipresencial e online de linguas
Obxectivos do curso
- Entender os modelos de ensino semipresencial
- Entender os elementos clave para que o ensino semipresencial sexa efectivo
- Entender as tecnoloxías principais que se empregan para impartir un curso online ou en semipresencial
- Usar de maneira efectiva esas tecnoloxías e encaixalas no deseño global dun curso
- Experimentar e ter un bo entendemento de maneiras alternativas de avaliar na Rede.
O curso organizouse do seguinte xeito:
Sesións diarias
Avaliación
En cada sesión houbo que facer entregas en dixital dos exercicios asignados que foron recollidos nun e-portafolio de aprendizaxe.Relator
Russell Stannard é o fundador de www.teachertrainingvideos.com e profesor asociado de NILE onde imparte cursos de Máster e de aula invertida. Foi o gañador de dous premios: O British Council ELTons Technology Award e o Times Higher Outstanding Technology Award.
- Have fun with English, blog de Paula Gómez, docente na EOI de Pontevedra
- Ligazón da conversa ao fío do ensino mixto iniciada por Paula Gómez e María Fernández, docentes e equipo directivo da EOI de Pontevedra
- Learner First Diary, blog de Anabel Fernández, docente na EOI da Coruña
- Aprendizaxe mixta en EOI, blog da EOI de Pontevedra